Opinión

O caso de Alan

Cando ir ao instituto devén un pesadelo para un adolescente está claro que algo está a fallar no seu centro de ensino, que, por outra banda, constitúe tamén, a pequena escala, un espello desta sociedade en que vivimos. Escribo isto pensando en Alan, o rapaz transexual que se suicidou nestas festas de Nadal. Poñerse na pel de Alan non é tan difícil.

Quen non coñece un caso deses? O dos insultos, ameazas e burlas na escola vén de vello, mais non por iso imos normalizalo. Que algo suceda con certa frecuencia non significa que debamos quitarlle ferro. Por esa razón, hai que deixar moi claro que o acoso escolar é un exercicio de violencia cuxo obxectivo non é outro que estabelecer relacións de poder.

O acosador mortifica á vítima para situarse por riba dela e paliar deste xeito un complexo de inferioridade que adoita saír a luz desta maneira, machacando a outras persoas. Alan resultaba molesto aos seus compañeiros de instituto, que, obviamente, asumiron o esquema patriarcal heteronormativo existente. Tendo conta disto, o seu cambio de sexo pareceulles un exercicio de liberdade que eles non se vían capaces de executar. Alan, coa súa simple presenza, lembroulles esa visión estreita na que foron educados polas súas familias e isto foi vivido polos acosadores como unha provocación difícil de soportar. Como permitir que fose por aí todo convencido sen se adscribir ao patrón “correcto”?

Toda violencia procede do odio e este sempre xorde do medo. Eses pequenos maltratadores, porque iso é o que son, dedícanse entón a arremeter contra aqueloutros compañeiros, que, coma Alan, non se corresponden co que eles son capaces de entender. Teñen pois medo e envexa desa liberdade que, vivindo neses grupos endogámicos que tanto lles agradan, xamais poderán sentir.

Un adolescente medianamente feliz, que sabe valorarse a si mesmo, nunca se mete con ninguén, non necesita ridiculizar nin humillar a outras persoas. É pois respectuoso. Daquela, a conclusión é clara, o grao de infelicidade dalguén é directamente proporcional ao seu grao de violencia. Entón, malia ser certo iso tan cacarexado de que cómpre educar á rapazallada na empatía, o prioritario, é outra cousa ben máis importante. Refírome a traballar o autoconcepto, a aprenderlles a quererse a si mesmos, porque dunha autoestima sá xamais nace ningunha violencia. A partir de aí, xa poderemos falar de empatía, solidariedade, delicadeza etc

Te puede interesar