Opinión

O cuarto

Room -título orixinal- é o primeiro filme que vexo do irlandés Lenny Abrahamson. Antes deste houbo outros títulos, que xa mereceron algún recoñecemento. Adam e Paul, do 2004, poño por caso, ou Garaxe, do 2007. En efecto, por cada un destes traballos, seica moi interesantes -xa me gustaría telos visto-, Abrahamson recibiu  un IFTA. Que entrou con bo pé, para que nos entendamos. Iso si, non sempre os/as galardoados/as están á altura do galardón. 

No entanto, insisto, malia non ter visto esas pelis de Lenny Abrahamson, creo que se pode confíar no interese de seu. Sobre todo ao ver esta última, Room. Nel, o irlandés relata a historia dunha muller vítima dun secuestro por parte dun veciño, en apariencia encantador, que a encerrou durante sete anos nun soto. Ao longo deses anos, esta muller foi violada cada día por ese psicópata, e, tras quedar embarazada del, pariu un neno, Jack, que conviviu con ela cinco anos naquela estreitura.

A primeira parte da peli ofrece fragmentos desa convivencia que constitúen o máis interesante desta historia. Efectivamente, ver como a nai intenta facer dese pequeno rocho un espazo habitábel para o rapaz, até convertelo case nun fogar, permite enfocar a nosa atención na interpretación de ambos personaxes, que, loxicamente, cargan co peso de toda a primeira parte. Coa sobriedade, alén da ausencia absoluta de melodrama, o director irlandés consegue uns vinte minutos de metraxe excelente até o momento en que se produce o rescate. Isto, que podería ter sido utilizado, como acontece nos filmes comerciais, como momento final de apoteaose, acontece na metade da peli. Así é que o risco que Abrahamson asumiu, ao facer isto, era grande, porque podería ter perdido esa tensión que noutros filmes, como Buried -excelente, por certo-, por exemplo, puido manterse até o final. Conseguiuno? En parte si. 

Refírome a que si logra manter a atención no que sucederá a partir dese “final feliz”, acaecido, sorprendentemente, na metade da fita. Non con tanto interese, certo é, mais si que o logra, porque, a partir dese momento no que nai e fillo son liberados, Abrahamson, muda o seu discurso. Se o que na primeira parte nos interesaba era saber se conseguirían saír, nesta segunda quereremos descubrir se se adaptarán ou non á realidade. Será entón a xestión desa vida recuperada, por parte da nai, e a descuberta do real por parte do neno, dous puntos de interese que nos han manter pendentes do que sucede. Unha peli interesante, diferente e natural, cunha interpretación excelente. Refiróme á de Brie Larson, claro, mais, por riba de todo a Jacob Tremblay (Vancouver, 2006), un auténtico crack.

Te puede interesar