Opinión

Husbands and boyfriends / Camille Abily

 

Patético. Que a prensa decida facer listas de mulleres “buenorras” que acoden aos Xogos Olímpicos ou son parella dalgún deportista destacado é penoso. Nesa lista de “esposas de” ou “mozas de”, figuran, por exemplo, a modelo Irina Shayk ou a cantante Shakira. Como pode ser que, sendo elas mulleres exitosas na súa profesión, sexan definidas deste xeito e conformen unha lista de “carnificadas sexualmente”? A verdade é que, malia molestar moito, este tipo de estupideces non debería sorprendernos. Se hai meses a filósofa Simone de Beauvoir, cun traballo recoñecido en todo o mundo, foi definida nalgún medio de comunicación como “la musa de Jean-Paul Sartre”, que podemos agardar xa? 

Estou certa que Beauvoir se revolvería na tumba se soubese que a describiron así, a partir do home co que partillou unha relación persoal, obviando a excelencia do seu pensamento. Porque ese “título” de “musa de”, alén de reducionista e insultante, reflicte unha falta de consideración coa intelectual francesa, que, se ben mantivo unha relación sentimental con Sartre durante moitos anos, non pode ser definida dese xeito. Xamais. Ou acaso algún destes xornalistas “inspirados” ousaría definir a Sartre como “o namorado de Simone de Beauvoir”? Nin se lles ocorrería facer tal cousa! Por que? Porque o seu pensamento tivo maior transcendencia? Que va!! A trascendencia foi similar, pero en diferentes ámbitos. Isto obedece, simplemente, a crenza na superioridade moral e intelectual dos homes. C'est tout. Que estas cousas sucedan e facelas visíbeis, é dicir, amosar como se ningunea o traballo das mulleres, servirá para deixar constancia de que cando se fala de sexismo, de heteronormatividade, e, xa que logo, de poder masculino, non se esaxera. 

No entanto, por se alguén non o ten claro aínda, sempre podemos darlle a volta a tortilla, e que se vexa o grao de imbecilidade implícita neste tipo de consideracións sexistas. Escribamos entón, por exemplo, nos titulares algo similar, mais a inversa. “Gerard Piqué, o esposo de Shakira...” ou “David Beckham, o marido de Victoria Beckham”, poderían valer para deixar constancia da inxustiza que leva consigo definir as mulleres, non por si mesmas, mais polo home co que manteñen unha relación sentimental. Iso si, o máis grave de todo, foi o silenciamento da futbolista Camille Abily -centrocampista do Olympique Lyonnais- no Playfutbol de Infobae, onde apareceu este titular “Messi, Higuain y una mujer candidatos al mejor gol del año”. “Y una mujer”? Acaso non ten nome? Ou é que o xornalista que escribiu o devandito titular descoñece a Camille Abily? Se é así, creo que podería ir pensando noutra sección para facer o seu traballo, porque ese titular revela, alén do sexismo, unha carencia absoluta de profesionalidade. En todo caso, Camille Abily é unha crack e isto non pode ocultarse todo o tempo. Menos mal!

Te puede interesar