Opinión

Micromachismos

Existen tiranías soterradas, que se filtran na vida das persoas e poden condicionalas, porque son coercitivas ao limitar o desenvolvemento persoal de quen as padece. Iso si, como se exercen disimuladamente, poden coarse, insisto, tanto na vida privada como na pública. Digamos que é un tipo de violencia sutil, na medida en que non sempre é percibida, non só pola propia vítima, mais polo conxunto de persoas que presencian ese abuso, pero que non son quen de o descodificar como tal. Agora ben, sería pouco ético, pola miña parte, non concretar máis e deixar a cousa así, en abstracto. 

Concretarei entón ao que me refiro para que se comprenda mellor. Con violencia soterrada aludo ao conxunto de actitudes patriarcais que intentan frear ás mulleres, para que non saian do rego e fiquen en zonas de sombra, porque non interesa escoitar o que teñen que dicir. As tácticas para este efecto son moitas, mais eu destacarei tres: o paternalismo, o ninguneo e a descalificación. Un home que non quere/sabe valorar ás mulleres, primeiro ten que desacreditalas. Como? Pois dicindo, poño por caso, que non se pode falar con elas, porque se enfadan e non queren “entrar en razón”. Chegados até este punto, a tensión está servida e a muller, de estar concienciada politicamente, terá que masculinizarse para facerse escoitar. Masculinizarse significa actuar como un home, cunha linguaxe directa -din eles-, nun ton prepotente, creo eu. Triste? Bastante, porque o ideal sería estabelecer un diálogo no que tanto ela coma el falasen con calma, mirándose os ollos e prestando moita atención. Por que non sucede así? Pois non sucede así, entre outras cousas, porque a muller recibe vibracións moi negativas dese home, que, obviamente, intenta ninguneala, ben co seu silencio, ben cunha condescendencia noxenta. O obxectivo principal é, xa que logo, quitarlle valor para non verse, el propio, tan ridículo. 

Este tipo de condutas forman parte diso que denominamos “micromachismos”, un termo creado por Luís Bonino Méndez aló polo ano 1991, que cómpre recuperar, pois vivimos arrodeadas deles, e, lamentabelmente, non proceden unicamente dos homes. Tamén hai mulleres, cun susbtrato machista moi forte, que adoitan manter condutas bochornosas, derivadas da envexa por rivalidades absurdas que sustenta o patriarcado. Estas mulleres son, guste ou non, cómplices. Relativizan os propios “pecados” para non se ver a si mesmas tan mesquiñas. Aprender a recoñecerse é imprescindíbel para recoñecer ás outras. Por iso, ao meu ver, as olladas torvas, non deberían ir cara as propias conxéneres, mais cara a aqueles que desexan poñernos en competición. Mirarse ben por dentro e facerse as preguntas correctas, malia a incomodidade de seu, devén imprescindíbel. Colaborar é moito máis beneficioso que competir. E co de colaborar, ha pasar como coa tónica, que a probamos pouco. Perseveremos entón.

Te puede interesar