Opinión

Parafilias

Kiki, el amor se hace. Ese é o título do terceiro filme dirixido por Paco León, unha comedia divertida con algún que outro momento glorioso. A parafilia de Candela -interpretada por unha magnífica Candela Peña- arrincará unha boa gargallada ao público. A dacrifilia, así se chama esta inclinación desta personaxe, consiste, basicamente, en excitarse coa dor doutra persoa.

Pénsese pois nun enterro, no sufrimento pola perda dun ser querido, por exemplo, e aí teremos un deses momentos de excitación sexual para aquelas ou aqueloutras que posúen esta tendencia. Nunha circunstancia deste tipo, de seu delicada, Candela nota como o desexo erótico vai en aumento. Sen control. A verdade é que ver a actriz catalana intentando xerar anguria no seu home, asegurando que ten cancro, para que chore, e, deste xeito, deitarse con el cunha paixón desbordante e acadar, xa de paso, un bo orgasmo é un dos mellores momentos da peli. Impagábel o intre no que ela, ante a pregunta del, ao respecto do estado da enfermidade, di iso de “tiene muy mala pinta”. Para rir a esgalla. Abofé que si. 

No entanto, haberá outras escenas igualmente potentes e cómicas, que suscitarán o noso riso, porque ver o rostro de Paco León e da súa parella, Ana -interpretada pola directora e actriz arxentina Ana Katz-, nun club nocturno que facilita o intercambio de parellas, entre outras posibilidades, non ten prezo. Absolutamente desbordados por un mundo que descoñecen, tanto el coma ela, fican atónitos nese lugar, que, obviamente, se lles fai estraño. No desfile underground, que ten lugar ante os seus ollos marabillados, poden ver dende un octoxenario, que arela ser humillado en público, até un home que busca quen lle orine para sentir pracer. Nese antro todo é posíbel. Ninguén se escandaliza con nada. Para os consumidores e consumidoras dese tipo de sexo, pouco visíbel socialmente, todo o que alí sucede é normal. Son felices así é que convidan a quen se lles achega. Sen problema. 

En palabras de Paco León, dar conta da existencia deste tipo de “rara avis” e facelo con naturalidade, contribuirá a desmitificar o carácter inquietante dese lado escuro dun sexo non tradicional, que, alén de nos parecer excéntrico, ha alegrarnos moito a vida. Sen ter grandes pretensións, Kiki consegue facernos rir cachón, algo ben meritorio nestes tempos que vivimos. Se a isto lle engadimos o feito de que ninguén estudou o guión -por desexo expreso de León, pois en ningún dos papeis que se lles entregou aparecía moito texto- o que obtemos é unha espontaneidade expresiva que non é doado lograr no cinema. Moi recomendábel para botar uns risos nunha desas tardes de domingo tan pouco orixinais que todas e todos temos.

Te puede interesar