Opinión

O presunto asasino de Mª Isabel

A violencia é un exercicio de poder. Daquela, leva implícito un desexo insán de situarse por riba doutra persoa, de xeito que acate o “criterio” de quen prentende dominala. Trátase pois de evitar o o diálogo, porque non interesa a negociación, mais a imposición. 

Tendo conta disto, a devandita violencia está intimamente ligada a personalidades autoritarias que non aturan a discrepancia, na medida en que a consideran un ataque, e, xa que logo, unha ameaza. Todas as persoas violentas viven entón en estado de alerta. Temen que o seu imperio se desmorone. Deste temor nacerá a ira. A cousa podería explicarse así en abstracto, mais o que cómpre é concretar un pouco. Centrémonos entón, poño por caso, no asasinato de María Isabel Fuentes, acoitelada na propia cama do hospital onde se recuperaba dos golpes recibidos, previamente, nun presunto atraco. Escribo “presunto” con certa ironía, porque, no fondo, non creo que houbese tal atraco, mais unha paliza propinada polo esposo. No entanto, como non desexo transcribir aquí as miñas percepcións, aclaro o de “presunto”, para que ninguén pense que intento condicionar a lectura do artigo, se é que eu puidese ter esta capacidade, algo que, sinceramente, dubido. Aclarado isto, prosigo. A Mª Isabel matárona cun coitelo dentro do hospital. Sospéitase do seu home, mais, como, polo de agora, é unha “sospeita”, cómpre utilizar o adxectivo “presunto”. É curioso isto da corrección política. Intuímos que foi o seu home, mais lle dicimos “o presunto asasino”, porque aínda non hai sentencia. Iso si, o sentir popular -signifique o que signifique esta expresión- considera que o marido de Mª Isabel é o asasino. Por esta razón, malia ser presentado como “presunto”, poderemos ler ao mesmo tempo, en diferentes xornais que así o califican, frases como esta: “María Isabel Fuentes Fernández es la primera mujer asesinada por su pareja en este año en Galicia”. Curiosa contradición, verdade? No entanto, nesta columna de opinión, unha opina que, como pouco, Aniceto Rodríguez Caneiro, de 75 anos de idade, está en serios problemas coa xustiza. Máis lle vale que se vaia mentalizando da que se lle vén enriba, no caso de se demostrar a súa autoría, que, segundo o sentir popular, rematará por demostrarse. 

Aniceto Rodríguez Caneiro, do que agora algúns/algunhas dirán iso de que era moi bo e agradábel con todo o mundo, parece responder ao perfil dos maltratadores, sempre simpáticos cos de fóra, pero absolutamente crueis e tiranos cos da casa. Unha mágoa que Mª Isabel Fuentes non poida dar o seu punto de vista, pois, sen lugar á dúbidas, sería o máis interesante de todos. Pero non pode, porque está morta.

Te puede interesar