Opinión

Puntos de vista

Seica Luciano Méndez, profesor de matemáticas na Facultade de Económicas de Compostela, non podía concentrarse na aula por mor do escote da alumna María Fungueiro. Seica esta visión non lle permitía explicar coa lucidez que se lle presupuña, dada a súa condición de experto, alén da experiencia como docente nesta asignatura. Ao seu ver -porque de vista anda ben e elixe onde mirar-, o devandito escote era inapropiado para asistir a clase. Con esta afirmación pretendeu “xustificar” esa mexada fóra do testo, absolutamente bochornosa, porque, á marxe da roupa que consideremos ou non decorosa -sempre dende un punto de vista convencional-, para acudir á Universidade, as palabras de Luciano Méndez á alumna si son inapropiadas.

Pénsese na función do profesorado da Universidade, na confianza que depositamos no seu labor docente, e, unha vez pensado isto, reflexiónese sobre a actitude deste profe, mírese ben o desleixo de seu, o carácter soez do comentario que fixo, contémplese, en definitiva, o mal gusto, a profunda descortesía. Se contemplamos a conduta de Luciano Méndez con María Fungueiro dende esa perspectiva, é dicir, tendo conta da súa condición de adulto, cuxo labor é transmitir coñecementos, parece inevitábel poñer en cuestión esa capacidade, que, en principio, se lle presupón.

Como pode alguén, cuxo traballo consiste en explicar matemáticas, meterse en asuntos que non son da súa incumbencia e facer valoracións estéticas sobre a indumentaria do alumnado? Luciano Méndez excedeuse, e, aínda por riba, ofrece unhas desculpas de mal pagador, ao querer xustificar esa impertinencia argüíndo que levar un escote para ir a clase é inapropiado. Mire usté, como diría o outro, se non está preparado para dar clases á xente moza, exultante e atractiva, vai ser mellor que abandone a Universidade e lisque para un mosteiro, porque alí van todos moi tapados e seguramente se atope máis cómodo.

Être ou pas à l'aise, é unha cuestión de apertura mental, de desinhibición e amor pola liberdade allea. María Fungueiro ten claro que é libre e non está disposta a aturar este tipo de ataques machistas de ninguén. Por iso saca á luz o acontecido e non fai a vista gorda. Dez puntos para ela, unha cómplice menos do patriarcado.

Te puede interesar