Opinión

Regreso ás aulas

Comezou o curso escolar. O alumnado galego xa está repartido en grupos e o profesorado ten o seu horario nas mans. Daquela, iniciamos, máis unha vez, a travesía que moitas familias desexaban, a de aprendermos cousas novas e avanzarmos un chisco nese proceso de formación, que quedou en suspenso durante o verán. Porque a idea que temos na cabeza, ao pensarmos nas escolas e institutos, é a de que aí é onde se adquiren coñecementos teóricos e certas habilidades comunicativas. Ou sexa, que se aprende, e, a poder ser, moito. Agora ben, á marxe disto, da ilusión do principio e das boas propostas que todo o persoal implicado manifesta coa amabilidade correspondente, están os problemas. Sempre os hai.

O da ratio por aula é un dos máis comentados. Que poida haber, nas materias comúns, máis de vintecinco alumnos e alumnas é algo que non favorece en absoluto a calidade do noso ensino público. Está ampliamente demostrado que se aprende máis e mellor en grupos reducidos. Non é que a explicación da profesora, ou profesor, aumente en calidade por cuestións numéricas. En absoluto. Quen explica claramente para 15 pode facelo igualmente para 25 ou 30. Iso é certo. No entanto, a capacidade de atención ás necesidades específicas si é moito menor. Con isto non me refiro unicamente a repetir o explicado, mais ao feito de se achegar a cada alumna ou alumno para resolver as dúbidas que se presenten, e, moi importante, a dedicar tempo a aqueles e aqueloutras cunha problemática moi determinada, no caso de teren unha adaptación curricular. A todo isto habería que engadir a cuestión do “profesorado itinerante”, é dicir, aquel que imparte clase en dous centros diferentes, que, con moita sorte, estarán na mesma vila. Ese movemento, dun instituto ao outro, non pode facilitar o sosego e temperanza que se precisan para conseguir atraer/manter a atención de vintecinco ou trinta adolescentes coas hormonas a todo gas.

As familias que teñan fillas/os nesa idade crítica entenderán isto sen problema. Se xa é dificil aturar a unha persoa desta idade na casa, imaxinen o que pode ser para o profesorado ter conta de trinta! A cousa faise realmente complicada. Sen dúbida. Se ademais disto, da cantidade excesiva de persoas por aula e de profesorado itinerante, pensamos no cambio de mestres, ou mestras, dunha mesma materia cada ano, coa consecuente necesidade da rapazallada de se adaptar a diferentes profesionais con criterios tamén distintos, a cousa pinta peor aínda. E todo isto sen pensar na redución de persoal e o que iso significa. Non só para quen imparte clases, mais para as receptoras e receptores de seu.

Que unha profesional de lingua galega teña que dar aulas de matemáticas, por exemplo, ou de inglés, non contribúe, en absoluto, a mellorar o noso ensino. Iso está claro. Por esta razón, resulta bastante vergoñento que non se invistan cartos naquilo que verdadeiramente importa nun país. O sistema educativo ten de ser unha prioridade para o goberno, porque nese sistema se forman aqueles e aqueloutras que protagonizarán o futuro. Por que algo tan evidente non é contemplado con maior coidado? Porque se persevera no erro, no canto de o solucionar? Non se soprenda despois ninguén do tan cacarexado “problema de base”, para referirse á carencia das habilidades lingüísticas imprescindíbeis á hora de descodificar un texto e poder construír, a partir do mesmo, un discurso propio ou unha análise atinada. Con estes bimbios mal imos transformar a sociedade. Cómpre pois unha protesta contundente por parte das familias ante a gravidade do problema.

Te puede interesar