Opinión

Spotlight

Spotlight, o novo filme de Thomas McCarthy -New Jersey, 1966-, traducido ao castelán como Primera Plana, arrastrará o público. Sen dúbida. O interese do asunto ten moito que ver nisto. MacCarthy relata nesta fita o acontecido, no seo da Igrexa Católica, ao longo de decádas non só en Boston, mais en tantas outras cidades do mundo, que, por certo, aparecen nunha lista ao remate da peli. Bótese unha ollada atenta á extensión da devandita lista. Será ben interesante facelo para termos unha idea clara do grao de hipocrisía daqueles e daqueloutras que, tanto dentro como fóra da Igrexa, deciden mirar cara ao outro lado. 

A historia de Spotlight, cuxo guión foi escrito tamén polo propio Thomas MacCarthy, dá conta de máis de noventa casos de abusos sexuais contra menores cometidos por sacerdotes de Boston. Todos estes casos foron ocultados pola Igrexa Católica de Massachussetts, coa connivencia da alta sociedade bostoniana integrada, entre outros, por avogados sen escrúpulos, que teceron, en colaboración co propio cardenal da arquidiócese de Boston, Bernard Francis Law, un inmenso manto de silencio. Aquí podemos entón ver como un grupo de xornalistas do diario Boston Globe destapou ese bochonorso asunto grazas a un traballo ímprobo polo que, na vida real, o devandito xornal obtivo, no 2003, o Premio Pulitzer. Tendo conta disto, faise lóxico pensar que a historia de MacCarthy pode interesar moito, mais isto só non chega para afirmar que estamos ante un thriller político excelente. Aí está o medidor da sobriedade dos mellores filmes deste tipo, como The Verdict, de Sidney Lumet, poño por caso. 

Nesta fita non se entra na vida privada das personaxes que interveñen, así é que non hai episodio novelesco que suavice nada. MacCarthy dispara de cheo no asunto. Amosa o minucioso procedemento de investigación dese equipo de xornalistas, revela a grisalla desa sociedade malsá, absolutamente hipócrita e cómplice, coida a montaxe e agasállanos cun reparto de luxo. Aí está o estupendo Michael Keaton, que, unha vez máis, crava o papel. Iso sen falar de Rachel MacAdams, sen dúbida soberbia. Ou de Mark Ruffalo e Liev Schreiber, tamén fabulosos. 
Spotlight é polo tanto unha historia interesante, ben contada, dende un punto de vista visual, cunha duración, creo eu, exacta. Nin sobra metraxe, nin tampouco non falla. Certamente recomendábel.

Te puede interesar