Opinión

Sufraxistas

Estamos en Londres, no 1912. O filme comeza cun plano xeral da lavandaría coas burbullas de xabón aboiando no ar. Despois, a cámara achégase aos corpos dalgunhas traballadoras, dos que vemos tan só unha parte. Todo é gris e branco. Alén da música, pódese escoitar o fragmento dun discurso político que ten relación coa historia que nos agarda. “As mulleres -di esa voz suprasegmental que contribúe á contextualización do relato, ademais de amosar a inxustiza e a mentira- non teñen a tranquilidade de temperamento ou o equilibrio da mente para exerceren un xuízo, en asuntos políticos”. E continúa: “Se permitimos que as mulleres voten, significará a perda da estrutura social.

As mulleres están ben representadas polos seus pais, irmáns, esposos. (...) Unha vez que se lles dea o voto, será imposíbel deter isto. As mulleres entón esixirían o dereito a estar no Parlamento, a ser ministras no Gabinete, xuízas...” Despois disto, a cámara céntrase xa na protagonista, Maud Watts, interpretada por Carey Mulligan, a quen xa puidemos ver na fallida El gran Gatsby ou na tan valorada Unha educación, que se presentou en Sundance, no 2009. Por esta última fita, Mulligan recibiu un BAFTA á mellor actriz. Merecido, sen dúbida. En Sufraxistas, Carey Mulligan fai, marabillosamente por certo, o papel dunha muller fatigada por un traballo esgotador cun salario ridículo. O seu xefe, un tipo mesquiño que abusa das rapazas máis novas que traballan para el, ofrece o contraste que Sarah Gavron, directora da fita, buscaba. Refírome á coexistencia de dous mundos ben diferentes.

Por unha banda, vemos o de Mauds Watts, abolutamente pequeno e tedioso, e, pola outra, o do poder masculino, que determinou, durante séculos, o modo de vida das mulleres do planeta. A protagonista, coma tantas outras, sobrevive como pode nesa lameira patriarcal e noxenta. Nun principio non é consciente do que realmente quere, mais o seu descontento e intelixencia condúcena a descubrilo. Pero, que descobre Maud Watts? Que arela saír da trampa. Pode facelo? Evidentemente, si pode. No entanto, quere? As condicións laborais e os problemas coa veciñanza fanse, a cada máis, pesados e duros. Daquela, impulsada por un desexo insólito de liberdade e xustiza, a xove Maud Watts decide meterse no envurullo do movemento sufraxista e acepta asistir a algunha reunión do grupo de mulleres. Comeza pois a tomar partido na causa, e, na opinión de seu home, a “afastarse das súas obrigas domésticas”.

Este presunto desleixo, terá serias repercusións na vida da protagonista, que, tristemente, ve como o seu fillo é dado en adopción polo propio marido a unha familia burguesa. Malia todo, Maud non perde os folgos e persevera na loita feminista para pedir o voto en Gran Bretaña. A directora, Sarah Gavron, ofrece neste filme diferentes conflitos, que, ao enleárense, xeran unha atmosfera espesa, cunha certa tensión dentro e fóra do filme. O retrato da vertebración da violencia é sutil e duro a un tempo.

Até onde estaríamos dispostas a chegar hoxe? Difícil responder a esta cuestión. Sobre todo se pensamos nesa educación heteronormativa á que nos vimos un pouco abocadas todas. Cada unha chegará até onde chegue. Esta chegada está, e estará, sempre ligada á vontade, porque nada asegura tanto unha vitoria como crer que o desexado vai acontecer. As mulleres que desexan, queren, buscan, sempre acaban atopando algo. Por iso son imprescindíbeis na defensa dos nosos dereitos. Lembrar esta loita, e facelo deste xeito elegante, converte o filme de Sarah Gavron nun traballo ben interesante, que nos permitirá recordar como estaba o percal nos inicios do século XX. Sempre é bo facer memoria se queremos aprender algo de algo.

Te puede interesar