Opinión

The invitation

Karyn Kusama (1968), a directora e guionista estadounidense, coñecida polo seu filme Jennifer's body, coa espectacular Megan Fox e mais Amanda Seyfried, acaba de dar un bo golpe na mesa coa súa última fita, The invitation. Certo é que xa fora recoñecida co Premio do Xurí por Girlfigh, en Sundance, e co da Xuventude, en Cannes, no 2000. Quince anos despois, Kusama volve estar de noraboa.

A historia que nos ofrece en The invitation, galardoada no Festival de Cinema Fantástico de Sitges do 2015, é ben merecedora de atención. Trátase dun relato sobre o rancor e a culpa, do xeito en que nos transforman. Porque tanto o resentimento como o cargo de conciencia por termos sido, talvez, neglixentes, irresponsábeis, ou lábiles en exceso, provoca certas mudanzas. É como se escurecésemos, porque odiar é de seu un acto escuro. Adoita alimentarse en secreto. Na sombra. Quen arela causar un dano, incitado polo odio, normalmente non avisa. Daquela, na execución dunha vinganza o efecto sorpresa soe ser frecuente.

En The invitation respiramos insania xa nas primeiras escenas do interior da casa, onde transcorre todo. Como as personaxes, ficamos atrapadas, porque a peli engancha. De principio a fin. Estamos nun espazo elegante, suxerente. Acaído para encontros amistosos. Todo moi cool. No entanto, insisto, o ambiente está cargado. A ira contida arrandea polo salón. Sentimos certa crispación. E vai en aumento! Como Will -Logan Marshall-Green-, o protagonista, poñémonos en alerta cando a nova parella de Eden fecha a porta da casa e garda chave. Por que fai iso? Que sucede realmente? Non era unha reunión de amigos e amigas? Está Will atinado nas súas sospeitas? Karyn sitúanos nun lugar asfixiante, onde a convivencia vira, a cada máis, desagradábel. L'enfer c'est les autres, dicía Sarte. Velaquí un exemplo dese inferno neste grupo de mulleres e homes egoístas, infantís, rancorosas e proclives a certo grao de violencia, que se atopan nunha tesitura pouco suxerente: a de soportárense. Eden e Will, separados tras a morte do fillo, volven verse por primeira vez, despois de dous anos, nesa cea. Foi Eden quen organizou a xuntanza coa pretensión -aparente- de pasar unha noite agradábel. Porén, o encontro non ten nada diso. Todo o contrario.

The invitation é un un thriller psicolóxico moi potente, cuxo ritmo lento favorece a sensación de angustia. O que intuímos tarda en suceder, e, na propia certeza non só da inminencia dese acontecemento, mais do seu carácter terríbel, constrúese esa atmosfera irritante e enfermiza, que se dilatará até a apoteose final. Como resistir a tentación de ver o filme?

Te puede interesar