Opinión

VARGAS LLOSA

Quen di Vargas Llosa, di literatura. Así é que aceptamos talento e traballo como sinónimos desta palabra que acolle no seu seo a aqueles/as que, coa autenticidade de quen vai sobrado, son quen de nos engaiolar. É este un poder máxico, non exento de esforzo e continuidade, que aparece mesmo nas obras menos aclamadas de quen o posúe. Por iso, é ben certo que simplemente coa lectura da novela 'Elogio de la madrastra' ?unha das menos citadas do autor- xa podemos atravesar un camiño que se abre entre a mordacidade procaz e a sutileza até deixarnos varados na contemplación do xenio e brillantez que da textura narrativa se desprende.


Fragmentos coma este: 'Nos han dejado sin secretos, mi amor. Esa soy yo, esclavo y amor, tu ofrenda. Abierta en canal como una tórtola por el cuchillo del amor. (?) Esa es mi cara para ti, a la hora de los sentidos. Esa soy yo cuando, por ti, me saco la piel de diario y de días feriados', nos sitúan diante dun excelente contador de historias que pode estrañar e xerar o estupor lector con tan só cinco ou seis frases. Talvez por esa razón, amais da súa monumental traxectoria académica e intelectual ?estudos críticos sobre García Márquez, xenio e figura, Flaubert, Arguedas ou Víctor Hugo- ten ben merecido este premio, aínda que para nós, el xa era Nóbel nos oitenta, pois con 'La casa verde' ou 'La ciudad y los perros' xa dixera bastante de si mesmo como escritor, do mesmo xeito en que o fixo Rulfo con 'Pedro Páramo'. Non necesitaba máis. O resto é redundar sobre a súa capacidade e, porque non dicilo, certo egoísmo lector que sempre demanda máis material literario, sendo este un dos poucos que paga a pena consumir. Conspicuamente.


Daquela, con este premio recoñécese o labor e a xenerosidade de Llosa, capaz de destripar a cuestión política cunha pluma exquisita que, tristemente, nada ten que ver coa súa postura neoliberal na defensa do mercado en aras dunha suposta liberdade individual. Esqueceremos pois este detalle curioso, de esquerdas na escrita, de dereitas na vida pública. Pasarémolo por alto, pois xa non podemos concibir unha literatura sen a súa obra, certamente impresionante.

Te puede interesar