Opinión

Acisclo, desde A Barreira á Real Academia

Acisclo, o Cholo da rúa da Barreira, é agora un excelentísimo señor, tralo seu ingreso na Real Academia de Bellas Artes Nosa Señora do Rosario. Felipe Senén leu con oratorios ademáns, e desde un fondo alegórico dos oestrimnios ata o Volter de Vicente Risco e os artistiñas, un amplo e emocionante (por momentos) discurso de recepción do novo académico. E ambientounos para académicos, e autoridades, entendidos, e simplemente amigos, o seus poderes na escultor centrándose naquel Ourense dos anos cincuenta ao setenta, ambiente onde xermolou el, e tamén o mestre da terracota que é Arturo Baltar, estes días con unha magna exposición.


E así se prolongan no tempo estes dous verdadeiros acontecementos artísticos, de escala oito, alomenos, na escala das sensibilidades afectivas dos ourensáns, desde a arte. Máis no caso de Acisclo temos que cambiar de escala, pois a del, tamén desde o seu pequeno corpo (como o grande Donatello), é de nivel galego, con obras por toda a xeografía da nosa terra, sen entrar en competicións con ninguén, concepto alleo e espurio.


Máis as súas monxas escultóricas entre Maristas e a rúa de Buenos Aires, e nai e fillo do Paseo, nacido noutro contexto pero xa parte del, ou os relevos do edificio Don Bosco da rúa Xoán XXIII van sendo presenza simbólica entre nós.


A Serea da zona da Chavasqueira, por veces cuberta polas augas do pai Miño, no coiñal, semella ubicada polo artista nun descoido das autoridades, tal a improvisación na que se acha, por non falar do Cristo da época da exposición de Galicia Terra Única se pendurou da torre das campás da catedral, e co que non houbo acordo coa igrexa ou co concello e está arrinconado contra unha parede do albergue dos peregrinos.


E convén citar aínda a indefinición do Concello de O Carballiño coas súas obras da Praza do Emigrante, pois foron retiradas dela. O caso do Cristo de Cea é aparte, pois está nun emprazamento para o que foi ideado, mais o proxecto artístico e monumental non tanto. Mais, é un poderoso exemplo de creatividade do novo académico, pois aínda sen rematar é cruceiro e peto de ánimas popular. Acisclo abrazou desde as súas emocionadas palabras escritas aos escultores galegos ou que deixaron o mellor deles en Galiza, a través dos séculos, incluíndo entre eles ao helénico Fidias, licencia de novo académico máis de xustiza de discípulo, aínda que en espírito, que é o que conta.


Desde este precisamente, ten feito unha obra senlleira, chamada a ser o comezo dunha nova etapa plástica do mestre con taller no concello de San Cristovo de Cea, os paneis do Muro da Verdade, magna escultura homenaxe a corenta e seis profesores da miña universidade de Santiago, represaliados tralo levantamento militar de 1936, vivindo aínda Don Francisco Fernández del Riego.


Cómo un remuíño, entre o entorno dos colexios maiores, paradigma de lembranza, exemplo dun presente plural e democrático. Metal e luz, espazo que lembra vagamente o estilo de Richard Serra porque aquí hai sentimentos desde unha arte con humanos perfís iconográficos, que queren seguir entre nós, cómo Acisclo Manzano, pese á coruñesa academia que o acolle no seu seo.

Te puede interesar