Opinión

Madeiras pautadas de Cochorro, e algunhas pedras


O artista, máis que tentar novos camiños da súa arte, coida que coa madeira pode poñerse un sur na súa plástica, que ten sido teima constante e norte seu o  amosarmos obras en pedra. Aquí, na ampla sala dúas do CCMV, da Deputación Provincial, pode espallarse, estendendo o manto de obras realizadas ao longo destes últimos anos en materiais leñosos, e de paso, facer un diálogo coa súa benquerida pedra, as esencias, que engade con algunha madeira, caso dunha obra de 2014, abeto e mármore, ensarillando as pezas en finos fíos de metal, obra que lembra fragmentos corpóreos. E tamén entre elas, en recunchos. Así amósanos a medida do seu abano dos seus trescentos sesenta graos, e por vía de exemplo, da súa vida na arte. 

6874250

Son de nogueira e aciñeira, moreira ou de freixo, como Movemento, de 1993, dúas pezas unha curva interior, e ondulada a exterior no entorno dun fino fuste metálico. Luís Fernández González (n.1950), o Cochorro, resalta a presenza de catro obras feitas con raíces de árbores queimadas, castiñeiros principalmente, caso de Lume, 2022, máis tamén outra de 2023 dunha raíz de érbedo, en tres follas, expresivo e creativo xeito técnico que, con outras dúas desta mesma orixe, queren ser “a idea dunha última floración”, nas súas palabras. Proceden do incendio que arrasou a masa forestal de Valdeorras, a súa terra, no verán do 2022. Elas son un dos fíos que o conectan coa acción vindicativo-creativa de Miguel Mosquera, amigo seu dende que serviron nun “servicio militar” do pasado século, quen  estivo ao seu carón na inauguración. Este presentou no pasado maio Proxecto Incendios na Fundación Laxeiro, con paquetes de cinzas da vaga de incendios dende 2017, dándolles significado a cada un deles. Amizades e liñas de acción dende a arte. 

Traballa formatos medios, e pequenos, mimando o resultado final dende a materia prima, pezas moi traballadas no estudio-taller, escavando o seu significado nun proceso dacabalo do lúdico, gustando da expresividade dos perfís tanto como do das formas sólidas e pechadas no exterior, que pule para que a luz esvare, ao ritmo do tacto, facendo que as nosas miradas logo da análise reflictan as loces, pezas ensimesmadas que teñen no deseño debuxístico valor de seu, e transmiten o pracer das formas, coa razón posta na autocompracencia do artista. Para Fernando Ferro, na introdución do catálogo, son obras dun formalismo sintético, que  outro comentarista denomina figurativismo esquemático. Máis onde se agocha o Cochorro máis expresivo é preto da abstracción, sempre co traballo manual directo, sen radiais.

Áchase na base temática o universo feminino, muller 2023, nai e fillo, nai e filla de pé; ou nese busto feminino co fillo, ela en nogueira, el de negra lousa, 2015. Nas pedras destacan as figuras deitadas traballadas en mármore branco de Macael, de 2017, o fulgor da luz na neve, explícita a do Pracer, e outra con mármore xaspeado de Biobra, sobre base de Macael, que semella un piramidón exipcio, horizonte do deus Ra. Nas máis recentes madeiras traballa con pezas que aconchega, dende o seu cilindro-fetiche,  dándolles unha tinta laranxa interna ás veces, “Tejiendo cuévanos en la oquedad sagrada del invierno ovillando sueños, mientras los bosques duermen”, como escribe no catálogo a profesora lucense Mª del Carmen Pernas.

Te puede interesar