Opinión

A xénese do Camiño de San Rosendo

O pasado domingo 28 celebrouse con grande afluencia de participantes un acto na fermosa praza maior de Celanova de reivindicación do chamado “Camiño de San Rosendo e da Raíña Santa”. Foi certamente para min motivo de orgullo e satisfacción ver tanta xente comprometida co tal proxecto, e realmente emocioneime cando na impresionante igrexa dos monxes bieitos o cura párroco impartía a bendición aos tantos peregrinos alí congregados. Alí estaban tamén a maior parte dos alcaldes por onde pasa o Camiño, dende Lobios ata Ourense, punto de encontro coa Ruta da Prata.

Sen embargo no acto, cuxo levador foi o alcalde de Celanova, Antonio Puga, e onde participaron tamén unha técnica de turismo do concello e o presidente da asociación de amigos deste camiño, David Pérez, non se fixo mención ningunha a como naceu esta iniciativa, nin tampouco de agradecemento ás persoas que fomos os seus promotores e iniciadores, hai xa quince anos. Só o artista e grande escultor da Baixa Limia, Toño Monteiro, nos agarimou coas súa palabras.

Por iso, e porque a memoria humana é feble e axiña tende a esquecer, quixera dicir que o Camiño de San Rosendo foi unha iniciativa da Consellería de Medio Ambiente da Xunta bipartita entre os anos 2005 e 2009, e que grazas ao bo facer do conselleiro Pachi Vázquez, conseguiuse que a ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, hoxe presidenta do PSOE, incluíra Galicia no Programa de Camiños Naturais do Ministerio. Foi así como, dende a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, departamento que eu dirixía, ideamos, proxectamos e puxemos en marcha o Camiño do Interior ou de San Rosendo, un proxecto que logo de tres anos, moito esforzo e ilusión, e un moi importante investimento por parte do Ministerio, xunguía a fronteira da Portela de Home en Lobios coa cidade de Ourense. Unha obra executada pola empresa pública Tragsa, e que ademais da recuperación e mellora do Camiño ao longo de máis de sesenta quilómetros incluíu a restauración de fontes e lavadoiros e a colocación de bancos e miradoiros.

Este proxecto, coa mudanza de goberno na Xunta de Galicia o ano 2009, quedou inxustamente esquecido durante unha ducia de anos; mentres outras iniciativas, como a do Camiño Miñoto-Ribeiro, acadan grandes éxitos e notoriedade; e só agora semella querer espertar. Esperemos que a Xunta de Galicia sexa consecuente coa Historia e sensible e ao compromiso de tantas persoas como nos vimos involucradas neste proxecto e o declare Camiño Xacobeo.

Te puede interesar