Opinión

Escaparates doutrora

Leo a sección do periódico onde se fai referencia á cantidade de comercios históricos que foron pechando as súas portas en Ourense nos últimos anos, e non podo por menos que lembrar a cantidade de tempo que eu pasaba diante dos escaparates dalgúns deles, levando a palma a impactante colección de instrumentos musicais que "Jolper" exhibía nas Galerías Centrales. Co nariz pegado os cristais eu imaxínabame cal Ringo Starr aporreando algunha daquelas nacaradas baterías polas que eu mataría; tampouco lle facía ascos á sección de guitarras onde anos despois mercaría a miña acústica "Ibánez" que aínda atesouro e que puiden conseguir grazas ós cartos gañados cantando na noite de Fin de Ano no Hotel San Martín. Unhas tendas mantéñense, algunhas pechan e outras tamén abren nestas míticas e entrañables Galerías que comunican o Paseo coa rúa Concordia, como a Camisería de Juan Barros que coa súa marca "Sbozo" segue conquistando mercados, firma que eu presumo de lucir en moitos programas de televisión.

Pero se algunhas tendas nos chamaban a atención ós nenos da época que viviamos a moda nas nosas casas por ser fillos de modista e alternar a lectura dos "Pulgarcito" cos "Burda" eran os escaparates de "El Sprit" na rúa Lamas Carvajal e "La Boutique" no inicio do "Paseo"; na primeira alucinabamos cos prezos dos abrigos de visón e outras peles que non baixaban do medio millón de pesetas, das de cando Massiel gañaba Eurovisión e un ano despois exhibía o seu controvertido abrigo de chinchillas, e na segunda pola exclusividade dos seus vestidos que imaxinabamos saídos dalgunha daquelas outras boutiques parisinas onde as tan desexadas cantantes da época como France Gall ou Françoise Hardy mercaban os seus deseños.

Pero ademais destas había outras tendas marabillosas que nos poñían ao día das listas de éxito musicais como "Galaxia" ou "Bazar Puga", ou ferreterías onde todo era posible, como "El Tornillo", a onde eu acudía co meu pai a mercar material para a súa forxa, ou a tenda de "Bouso" nas Galerías Tobaris, onde mentres nos imaxinabamos campións de minibasket cos seus chándales, disfrutabamos do arrecendo a bocata de calamares que chegaba desde o bar do fondo. Os que sempre gustamos das zapaterías tivemos en "Celestino" un templo do mellor calzado, nunha desas tendas que mesmo podían aparecer en calquera película de Billy Wilder, onde a compra dun par de zapatos constituía todo un ritual de dependentas cargadas de caixas e caixas para que probases sen présas todas as creacións que previamente viras nos seus escaparates. Aínda conservo na pituitaria os arrecendos que desprendían aqueles templos das telas para confección, como eran Almacenes Alfredo Romero ou Santa Eufemia, onde os dependentes estendían con mestría metros e metros de tela para que as nosas nais elexisen sen présa as súas preferencias. Todo era así, sen presa, dándolle valor aos productos que se vendían, e cunha atención que os profesionais do comercio elevaban á máxima categoría, como en Allariz facían tamén os Eulogio, Delmiro, Eladio, Garriga, Nogueiras, Celia ou Adolfito, entre moitos outros.

Te puede interesar