Opinión

“Fei” en concerto solidario

Esta noite, en canto remate o “Bamboleo” acudirei á viguesa Sala “Mogambo” para colaborar nun concerto a beneficio de “ASANOG”, Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia. Aínda recordo a miña primeira visita, en plena época do “Supermartes”, a moitos daqueles nenos ingresados no Hospital Xeral de Santiago onde compartín sentimentos ben especiais e difíciles coas súas familias; posiblemente foi un dos momentos máis duros da miña vida profesional; pero sabendo como sabía que moitos daqueles cativos eran fans de “Atilano”, esquecinme por unhas horas da miña tremenda hipocondría e alí estiven, e ben que me alegro de ter estado.


E agora, diante da chamada do meu amigo Fei Rock, quixen tamén implicarme nesta causa, e créanme que non me é nada fácil acudir pola noite a unha disco e subir a un escenario cheo de xente nova para cantar a dúo algunha canción; pero vouno facer e seguro que sentirei unha gran satisfacción por ter compartido escea con artistas tan solidarios como Fran Vázquez, Yomelo Montesolo, Juan Rey, Anahí Calvo, Iván López ou Mon Cancela, que ao igual ca min acudiron prestos á chamada de Fei, un dos showmans máis impactantes que podemos atopar na nosa terra. Gusto do seu espírito transgresor e sorpresivo, e gusto da estupenda banda que o acompaña nos seus concertos. Fei dí ter bebido das fontes do glam británico dos 70, como David Bowie, ou do seu gran ídolo Michael Jackson, pero nos seus concertos mesmo pode sorprendernos cunha versión de “Antes muerta que sencilla” de María Isabel. O que seguro non faltarán serán as cancións do seu disco como a titulada “Vergüenza Ajena”, tema que tén un magnífico video dirixido e guionizado polo xoven ourensán Samuel Vázquez.


 Eu tiven a sorte de que este pedazo de artista me acompañase va rias veces coa súa guitarra nos escenarios da TVG, e foi estupendo, e sei que desde a dirección de “Bamboleo” xa lle cursaron convite para a próxima semana, tal como estará esta noite “Agoraphobia”, outro grupo de xóvenes artistas, todas elas mulleres, que chegan desde as terras de Boiro cunha forza increible, despois de ter actuado mesmo en Texas. Meu amigo e colaborador Pepe Capelán dí delas que son fantásticas e que asistir aos seus concertos é algo de difícil esquecemento.


E alégrome ben de que o noso programa compaxine a artistas consagrados, como a sempre divertida e marabillosa Lucrecia, que tamén estará hoxe, cos aires novos dos que veñen empurrando forte, como foi o caso do ourensán Diego Nóvoa, do impactante Alex Casanova, ou do grupo The Lákazans, por nomear algúns dos que pasaron polo noso plató recentemente. 
E falando de xente ben nova, recibo a petición da cantante galega Yhadira, para que lle grave un video de apoio ao seu “crowdfunding” co que agarda conseguir os euros necesarios para gravar o seu primeiro disco; video que por suposto xa lle enviéi, confirmándolle tamén a miña humilde colaboración, o mesmo que farei cos ourensáns Emilo Rúa e María do Ceo, que tamén teñen aberta conta co mesmo sistema para poder dar a luz os seus próximos traballos discográficos.
 

Te puede interesar