Opinión

O "outro" supermartes

Espertar coa voz do prestixioso xornalista Manuel Jabois na SER falándolle a Pepa Bueno do outro “Supermartes” é algo moi reconfortante para todos aqueles que durante case catorce anos fixemos o concurso que moitos recordan con cariño. E aínda máis reconfortante é recibir unha simpática mensaxe na que Jabois me conta que sendo un rapaz estivo no Plató e mesmo conseguíu que a súa avoa gañase un “Nokia” chamándoa en directo. Todo isto, claro está, prodúcese nesta semana na que os americanos andan coas súas precampañas electorais, onde teñen sinalado no almanaque un “martes” específico ao que chaman “Supermartes”.

Pero claro, en Galicia o “Supermartes” segue soando a outra cousa, mesmo para ós que nunca lles soou demasiado ben o archicoñecido merengue con gaita creado por Antón Reixa, quen por certo acaba de presentar esta semana no Teatro Principal de Ourense unha reedición dos seus “Resentidos” acompañados da “Big Band A Lira” de Ribadavia.

Nin os programas concursos nin os seus presentadores gustan a todo o mundo, faltaría mais, pero o que sí é certo é que visto desde a distancia e co sosego do paso dos anos, esta semana foi emotiva para moitos de nós, porque recibimos mensaxes e lembranzas cariñosas de persoas, institucións e medios de comunicación, mesmo de aqueles que no seu día lle deran algo de “brasa” ao formato televisivo. Aqueles nenos e adolescentes de entón que medraron co programa agora xa non teñen ningún pudor en pararme pola rúa e recordar aqueles tempos con cariño, confesando como nunca confesaron que eran adictos a Atilano, ás azafatas, a David Amor, a Isi, a Doña Hermitas, a Don Vila, ó Galo Cecilio, ós “Dous de Sempre” (logo “Mucha e Nucha”), ó Roberto Vilar do agora exitoso “Land Róber”, ou a tantos outros protagonistas do “Quieto Parado”, do “Mentireiro Verdadeiro”, ou de calquera outra sección do programa.

Foron innumerables os actores e actrices galegos, xornalistas, artistas ou deportistas que lle deron vida ó programa cada martes como esta semana me recordaba Vituco, o líder histórico dos “Ruxe Ruxe”, a banda galega de rock que leva vinte anos nos escenarios e que hoxe estará no “Bamboleo” con “A Roda”, a Orquestra “Funçao Pública” e a eurovisiva María Isabel, xa sabedes, a de “antes muerta que sencilla”.

E a maioría dos que facemos este “Bamboleo” vivimos esta semana de lembranza dun xeito especial, porque moita parte do equipo provén daquela escola marabillosa de televisión en directo que se chamou “Supermartes”, e que hai case 24 anos entraba nos fogares de moita xente. Daquela escola saíron alumnos aventaxados que hoxe son excelentes profesionais en moitos eidos do audiovisual, recoñecidos tanto en Galicia como a nivel estatal; todos eles foron quen de facer por primeira vez na historia da televisión en España un programa concurso espectáculo en riguroso directo que nunca antes ninguén fixera. E eu tiven a sorte e a honra de poder presentalo. Por iso cada catro anos, cada vez que os americanos falan do “Supermartes”, moitos de nós volvemos a vista cara atrás e recordamos con cariño e orgullo ter sido protagonistas daquela marabillosa experiencia televisiva. 

Te puede interesar