Ourense
Galería | Rubiales protagoniza o ritual máis enxebre de As Teixugueiras e Xinzo do Entroido de Cartelle
O meco xa ten nome e figura en As Teixugueiras: Rubiales. Os veciños subiron este lunes ao monte da Picoña para darlle forma e bautizar ao protagonista dun dos entroidos máis anárquicos e tradicionais da provincia de Ourense e que cada ano se vive con paixón nesta parroquia no corazón de Cartelle.
Un meco feito en madeira, onde destacan os seus atributos masculinos, é o protagonista indiscutible dun Entroido moi rural, que se caracteriza polos rituais, a camaradería e a música, e onde é importante acudir con roupa e calzado cómodo, e moitas gañas de troula.
Os Centellas foron os encargados de acompañar á comitiva festiva, que este lunes á tardiña, co meco Rubiales subido xa no carro das vacas, regresou ao pobo para seguir coa festa. Veciños e visitantes desfrutaron dunha cea popular e posterior ruta polas adegas coa ambientación da charanga Os Caliqueños.
A orixe da festa de As Teixugueiras e Xinzo, lembran os máis maiores do lugar, está inspirada nun cobrador de impostos que non se portaba nada ben cos campesiños e que un día acabou “trasquilado”, rían. Aquel percorrido, o que inspira o grito de ‘baixar polo Cótaro e subir pola barreira’, é o que hoxe seguirá a veciñanza -e cada vez máis curiosos- levando ao meco Rubiales de arriba para abaixo, nunha viaxe pouco amable e probando o barro e o asfalto. Será a partir das doce do mediodía e na comitiva non faltarán os peliqueiros, que tratarán de que o meco siga o camiño correcto.
Pola tarde, ás 17:00 horas, está prevista a lectura do testamento do meco e, ao rematar, sorteo de regalos.
Fotos: Marcos Atrio.