Xornal Escolar

Celebrando a Rosalía de Castro

O Día de Rosalía de Castro coincidiu este ano coa festa do Entroido, pero iso non impediu que os centros educativos se sumasen a esta conmemoración.

Salesianos foi un deles, que comezou os actos coa proxección dun vídeo do clube Tragalibros. A media mañá realizouse un acto presidido por un maniquí da autora. O alumnado de Educación Infantil acompañado por distintas aulas de Secundaria deu a coñecer un maio de Rosalía de Castro e houbo tamén unha ofrenda floral, realizada con margaridas en cartolina onde se deu a coñecer a vida e obra de Rosalía. Tamén se recitou algún poema de Rosalía polo alumnado maior. Non faltou no comedor o Caldo de Gloria.

O retrato de Rosalía de Castro e a creatividade dos alumnos foron os protagonistas da celebración do colexio A Purísima de Ourense. Sobre o coñecido rostro da autora traballaron os alumnos. Primeiro dándolle cor e, despois, preparándoo para elaborar unhas orixinais caretas. Deste xeito, todos se converteron por un día na gran poeta compostelá para celebrar que o 23 de febreiro de hai xa 185 anos nacía a creadora dos versos máis coñecidos da literatura galega. A actividade completouse coñecendo mellor a vida e obra de Rosalía.

A figura de Rosalía de Castro é transversal a tódalas asignaturas. Así o entenderon no colexio de Mariñamansa, onde este aniversario se celebrou con robótica e novas tecnoloxías para achegarse á súa vida e obra a través de varios paneis. Trala actividade, recibiron unha chapa de lembranza deste día. 

Ademais, no comedor escolar os alumnos puideron degustar o Caldo de Gloria, uníndose deste xeito á proposta promovida dende a Fundación Rosalía de Castro en base á receita dun dos poemas da autora. Foi unha xornada moi especial para toda a comunidade educativa, que se implicou ó máximo en homenaxear á poeta do Rexurdimento.

En Carmelitas tamén se sumaron a estes actos con actividades en tódolos cursos de Educación Primaria para lembrar a Rosalía de Castro e difundir o seu legado entre o alumnado. Aprendendo un anaco dun dos seus poemas, “Eu ben vin estar o moucho” e facer unha máscara representando a súa cara,  na materia Arts&Crafts con debuxos do seu retrato e os seus versos ou facendo un traballo voluntario da autora e conseguir verdadeiras obras de arte dos alumnos de quinto e sexto. Un día moi especial para todos!

Aínda que naceu en Santiago de Compostela, a figura de Rosalía de Castro está intimamente ligada a Padrón. Foi na casa da Matanza, en Iria Flavia, onde faleceu en 1885 e onde pasou gran parte da súa vida. É alí onde se sitúa a sede da fundación que leva o seu nome e que visitaron os alumnos do colexio Carlos Casares de Xinzo

Por iso, para celebrar o aniversario do seu nacemento, os alumnos de Educación Infantil realizaron unha excursión ata a localidade coruñesa. Alí puideron descubrir o lugar no que Rosalía pasou os seus últimos anos e onde criou ós fillos que tivo con Manuel Murguía para achegarse ó universo da súa creación literaria. Foi unha xornada na que os pequenos aprenderon moito e afondaron na súa figura.

Rosalía de Castro foi unha das tres grandes figuras do Rexurdimento. Iso significa que foi quen de devolverlle á lingua galega o prestixio literario que tiña perdido. Por iso, un bo xeito de homenaxeala é a través das palabras máis fermosas do galego. E iso foi precisamente o que fixeron os alumnos do Padre Feijóo Zorelle no día de Rosalía, enchendo de verbas unhas orixinais flores de papel. Cada alumno elixiu a súa favorita para homenaxear á autora con esta colorida actividade.

xornalescolar_0903_rosalia (6)
1 / 18

Salesianos. Unha ofrenda floral lembrou á autora compostelá.

xornalescolar_0903_rosalia (6)_1
2 / 18

Carlos Casares. Tamén viron documentos da súa época.

xornalescolar_0903_rosalia (7)
3 / 18

Salesianos. Os máis pequenos fixeron flores moi coloridas.

xornalescolar_0903_rosalia (7)_1
4 / 18

A Purísima. O primeiro paso foi darlle cor ó retrato de Rosalía.

xornalescolar_0903_rosalia (8)
5 / 18

Salesianos. Todo o colexio participou nun gran acto no patio.

xornalescolar_0903_rosalia (8)_1
6 / 18

A Purísima. Creatividade para celebrar á autora de Cantares Gallegos.

xornalescolar_0903_rosalia (9)
7 / 18

A Purísima. Todos os alumnos se converteron en Rosalía de Castro.

xornalescolar_0903_rosalia (1)_1
8 / 18

Mariñamansa. Fixeron varias actividades.

xornalescolar_0903_rosalia (1)
9 / 18

Padre Feijóo Zorelle. Moi contentos cos resultados dos seus traballos.

xornalescolar_0903_rosalia (2)
10 / 18

Padre Feijóo Zorelle. Decorando as flores de homenaxe a Rosalía.

xornalescolar_0903_rosalia (2)_1
11 / 18

Mariñamansa. Aprendendo sobre Rosalía a través da robótica.

xornalescolar_0903_rosalia (3)
12 / 18

Carmelitas. Algúns cursos colorearon o retrato de Rosalía acompañado de versos.

xornalescolar_0903_rosalia (3)_1
13 / 18

Mariñamansa. Saboreando un delicioso Caldo de Gloria.

xornalescolar_0903_rosalia (4)
14 / 18

Carmelitas. Un gran mural para lembrar a Rosalía.

xornalescolar_0903_rosalia (4)_1
15 / 18

Carlos Casares. Foto de familia diante da casa da Matanza en Padrón.

xornalescolar_0903_rosalia (5)
16 / 18

Carmelitas. Tampouco en Carmelitas faltou o Caldo de Gloria.

xornalescolar_0903_rosalia (5)_1
17 / 18

Carlos Casares. Os pequenos de Xinzo coñeceron a habitación de Rosalía de Castro.

2744699974322901320168595162196087919128466n
18 / 18

Padre Feijóo Zorelle. No Padre Feijóo Zorelle fixeron unha colorida celebración.