Xornal Escolar
As vacacións máis divertidas son as de Amencer
Máis de 140 cativos e 17 animadores encheron de diversión as Mañás de Nadal celebradas en Amencer durante as vacacións escolares. Co obxectivo de facilitar a conciliación familiar no parón da actividade educativa, a asociación xuvenil organizou un ano máis esta proposta lúdica e didáctica dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 14 anos da cidade.
Este proxecto xorde como resposta ante a necesidade de que os máis novos da casa teñan unha oportunidade de ocupar o seu tempo libre dunha maneira divertida e educativa, mentres non hai clases e dispoñen de máis tempo libre pola mañá e facilitar a conciliación familiar
Os obxectivos que se marcan dende Amencer con esta iniciativa son educar en valores a través do xogo, favorecer a creatividade dos participantes, propiciar a participación e o traballo en equipo, conciliar a vida laboral e familiar coa escolar, e poder seguir empregando as instalacións do colexio fóra do horario escolar.
Coa mirada posta nesa misión de aprendizaxe e diversión, as Mañás de Nadal tiveron unha chea de actividades, tanto no seu campamento base do colexio Salesianos como nas diferentes propostas organizadas por toda a cidade. Así, ademais de contacontos e xogos cooperativos, tamén visitaron a pista de patinaxe do centro comercial Ponte Vella ou Pazolandia, onde se divertiron moito montando nas atraccións.