Os autónomos de Xinzo recuperarán a taxa do lixo

“Os autónomos en xeral e aqueles que se dedican ao sector do comercio en particular son un pilar básico na vila que o está pasando realmente mal", asegurou Manuel Pérez Campos. 

Dentro do plan perfilado polo Goberno local limiao para axudar aos autónomos a paliar os danos causados pola crise derivada do covid-19, dende a Casa Consistorial veñen de dar un paso máis neste senso e retornarán aos autónomos da vila a taxa do lixo correspondente ao pasado 2020. 

Dita medida levarase á vindeira sesión plenaria, a cal terá lugar este venres -09,30 horas- e completarase coa aprobación dun suplemento de crédito por importe de 100.000 euros destinado á devolución deste importe a comerciantes e autónomos. Unha vez aprobado este punto, e previa solicitude dos interesados, procederase a devolución do pagado polos traballadores no exercicio anterior.

O concelleiro de Promoción Económica de Xinzo, Manuel Pérez Campos, asegurou que “os autónomos en xeral e aqueles que se dedican ao sector do comercio en particular son un pilar básico na vila que o está pasando realmente mal. Con este suplemento de crédito queremos axudalos a saír adiante e sortear así unha crise que está sendo moi cruenta para eles”. 

Na orde do día do pleno deste venres tamén se inclúen dúas mocións do grupo municipal do Partido Popular: unha vencellada ao estado das autovías e outra sobre Correos. Neste último caso para que se cubran as baixas e se manteñan os servizos, sobre todo, no entorno máis rural.

Te puede interesar