As axudas para a dixitalización chegan aos obradoiros

Houbo un crecemento de obradoiros na provincia: hai un 39 por cento máis que a finais de 2019

O sector artesán da Limia, concretamente o de Vilar de Santos, acaba de verse beneficiado pola orde de axudas para a dixitalización e modernización dos obradoiros. 

Dende Artesanía de Galicia subliñan que a Comunidade conta cun sector artesán “forte, variado e competitivo”. Na actualidade están rexistrados un total de 789 obradoiros, un 31 por cento máis que a finais de 2019, cando había rexistrados 601 obradoiros. Destes, 78 correspóndense coa provincia de Ourense, un 39 por cento máis que a finais de 2019, cando había 56 obradoiros rexistrados. 

Arredor da metade dos novos obradoiros que se rexistran en Galicia responden a un perfil de novos talentos. A súa incorporación, din dende Artesanía de Galicia, “enriquece o tecido artesanal galego con novas competencias e disciplinas, formación, visións e modelos de negocio”. 

Dende a Xunta de Galicia destacan en Vilar de Santos a un dos participantes na orde de modernización e dixitalización: trátase de Lumecú, un proxecto téxtil de elaboración de roupa e complementos inspirado no traxe tradicional e moi vencellado ao Entroido do sur de Ourense que traballa a prol da defensa da igualdade e na posta en valor da cultura galega. A súa responsable é Mercedes Vieites, que traballa en paralelo coa súa liña de traxe tradicional e coa súa colección de deseño contemporáneo. Dende finais de 2021 preside a Asociación de artesáns da Limia, Limiar, no que está impulsando un proxecto de recuperación do liño da zona. 

A última convocatoria de axudas deste presente exercicio 2022 ten un valor de 6 millóns de euros, que se poden solicitar para impulsar a transformación dixital e a modernización do comercio galego de proximidade e do sector artesán.

Te puede interesar