Beatriz Diz Novoa: "A política local é algo fundamental, sumeime para amosar que cremos no rural"

Beatriz Diz no seu tractor.
photo_camera Beatriz Diz no seu tractor.

 

Beatriz Diz Novoa, número 12 da candidatura do PP en Xinzo de Limia

Beatriz Diz (Solveira, Xinzo, 1992) sempre tivo claro que quería vivir no rural. Dende cativa, inculcáronlle o amor pola terra e o sector primario. Hoxe é agricultora, comprometida coa política para mellorar a vida dos seus veciños e, especialmente, a calidade de vida dos agricultores. É a número 12 do Partido Popular de Xinzo, segunda lexislatura na que se suma ao proxecto popular. Cunha explotación de patacas e cereal, uns cantos tractores e moito traballo, Beatriz xa lle inculca o amor polo rural e o campo a súa filla de trece meses. 

O seu é un perfil moi peculiar, diferente aos demais.

Si (ri). Cando me falan de maquinaria e ven que sei de todo quedan ca boca aberta, parécelles raro, pero non o é e son horas de que vaiamos acostumándonos. Fan falta máis mulleres neste sector para normalizar certas cousas. Por exemplo, moitas veces meu home me di que lle dixeron que é moi raro que unha muller ande no tractor, que nunca viron algo igual… Cando me ven no tractor, os homes quedan tolos, pero eu lévoo mamado dende cativa na casa.  

Por que aposta polo rural?

Primeiro, porque crecín aquí. Segundo, porque fun acostumada a andar no tractor, sempre me gustou moito e dende pequeniña tiña clarísimo que eu quería ser agricultora. Estou encantada. 

Quere que a súa filla adquira ese amor que ten vostede polo rural?

Por suposto, eu quero que a miña filla desfrute do rural. Hai moi pouca xente que queira quedar no rural, pero aos que somos amantes da agricultura e do campo, o rural é o mellor lugar para vivir. 

Que precisa o sector primario en Xinzo?

Son necesarias políticas para que a xente quede no rural, que dean máis subvencións para a agricultura, porque entendo que a xente moza non comece de cero, é difícil. Eu porque comecei con meu pai, pero se teño que empezar de cero, estaría sempre endebedada, necesitamos políticas reais que nos apoien. Máis alá do sector primario, é prioritario apoiar que fagan máis casas niño.

Por que se decantou pola política?

Porque son de aquí. Penso que é fundamental a política local. Sumeime ao Partido Popular para apoialos e demostrar que o facemos ben e cremos no rural, entre outras moitas cousas. Ademais a política necesita xente moza, e moita xente non dá paso por medo. 

Imaxino que estes días están sendo un non parar coa campaña.

A verdade é que si, todos os días. Estamos apoiando ao candidato como se merece, andamos dunha aldea a outra escoitando á xente. Son días intensos pero a xente moi ben, moi amable e cóntanos as súas necesidades, prioridades, demandas… 

Esperan bos resultados?

Penso que imos acadar mellores resultados que na anterior. Estamos traballando moito e temos proxectos pensados para a infancia, para os maiores, para o sector primario que están gustando.

Te puede interesar