O Belén de Piñeira de Arcos regresa polo Nadal

A creación conta con infinidade de detalles, como os que se poden apreciar na imaxe.
photo_camera A creación conta con infinidade de detalles, como os que se poden apreciar na imaxe.
Trátase dunha especial creación dun veciño do pobo: Carlos García

A pandemia deixou aos veciños de Piñeira de Arcos (Sandiás) sen o nacemento especial que, cada ano e dende hai catro, elabora con todo o seu cariño e adicación Carlos García, un veciño desta localidade da comarca limiá. 

Neste Nadal, Piñeira recuperará unha das súas tradicións coa volta desta creación, coidada ata o máis mínimo detalle. Tal e como informaron dende o Concello sandianés, nesta ocasión, o autor mellorou a súa obra con novos elementos e cambios de ubicación dos xa existentes. 

O Belén de Piñeira de Arcos está elaborado con todo tipo de elementos naturais para conformar unha mostra a cabalo entre a fantasía, a beleza e a tradición. Precisamente, dende o Consistorio destacan unha das súas grandes particularidades: a transición ideada para pasar do día a media tarde e, dende esta, ata a noite. Trátase, según engaden, dunha “complexa infraestrutura de bonitos efectos luminosos”. 

Por outro lado, as casas e o castelo están feitos a escala e inspirados nos da provincia de Xudea. 

Entre os motivos do conxunto relixioso destacan o forno, o carpinteiro, o alfareiro ou a castiñeira e, entre as novedades deste ano 2021, chama a atención un río con auga. 

O aclamado Belén de Piñeira de Arcos poderá visitarse pasadas as festas de Nadal e Reis -o vindeiro día 7 de xaneiro- na Igrexa Parroquial de San Xoán de Piñeira. Concretamente, a creación estará aberta ao público todos os venres, entre as 16,00 horas e as 17,00 horas e todos os sábados, entre as 11,00 horas e as 12,00 horas. Os domingos tamén haberá posibilidade de coñecer de primeira man esta creación artesanal entre as 11,00 horas e as 12,00 horas -antes e despois da eucaristía-.

Te puede interesar