O BNG pide potenciar na Limia a gandaría en extensivo

Xose Luis Rivas, portavoz de Agricultura, recalcou na súa intervención que “urxe establecer, de inmediato, unha moratoria de novas explotacións gandeiras intensivas de porcino e frear a ampliación das existentes”

O Bloque Nacionalista Galego volveu a levar ao Parlamento Galego a súa petición para que a Xunta de Galicia promova na comarca da Limia unha aposta pola gandaría en extensivo e un modelo que impida a “contaminación de terras e augas por estercos e puríns procedentes de granxas intensivas”. Sen embargo, os nacionalistas lamentaron o rexeitamento á súa proposta de instaurar “un plan urxente” nesta zona. 

Xose Luis Rivas, portavoz de Agricultura, recalcou na súa intervención que “urxe establecer, de inmediato, unha moratoria de novas explotacións gandeiras intensivas de porcino e frear a ampliación das existentes” e  reclamou, do mesmo xeito, “deseñar proxectos de compostaxe na xestión dos xurros para o seu aproveitamento como fertilizantes que substitúan os abonos de síntese naqueles lugares onde exista un excesivo número de explotacións gandeiras intensivas”. 

Por último, o nacionalista cualificou de “errática” a xestión da consellería de Medio Rural e aludiu ás declaracións do propio conselleiro sobre a inversión compartida entre Xunta e Estado para potenciar de “maneira sostible” o sector agrario da comarca, “cando en realidade dos 36 millóns de euros son destinados catro e aínda así seguen sacando peito”.

Xosé Luís Rivas  concluíu demandando un programa de apoio á gandaría extensiva na comarca da Limia de vacún de carne, ovino e cabrún.

Te puede interesar