A Casa da Cultura inicia o día 13 un curso de verán sobre a idade de ferro

O Campus leva a Xinzo a investigación castrexa

A Casa da Cultura de Xinzo será sé dun dos cursos de verán da Universidade de Vigo, neste caso sobre a idade de ferro e a cultura castrexa en Galicia, que abrangue en Galicia desde aproximadamente a Idade de Ferro, no século VI antes de Cristo, ata a romanización, no século I d.c.
Precisa a Universidade que é un pasado afastado no tempo pero que hoxe en día aínda está presente na paisaxe galega a través dos numerosos castros que se conservan. Por eso, e para afondar neles, o Campus de Ourense celebra o curso de verán, que analiza a idade de ferro do noroeste peninsular a través do exemplo limiao.

O curso, que se celebra do 13 ao 16 de xuño, está dirixido polo profesor Fermín Pérez, do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo, e conta co patrocinio da Vicerreitoría do Campus, a Deputación de Ourense e o Concello de Xinzo. A iniciativa, segundo explica o seu director, é xa unha tradición que se vén celebrando desde a década dos noventa nesta localidade, con sucesivos cursos nos que se abordaron diferentes aspectos desta zona empregando como fío condutor a historia e a arqueoloxía.

'Nesta ocasión, a temática elixida é a época castrexa, un tema moi de actualidade pola súa vinculación co mundo céltico e polas novas interpretacións que se están facendo dela e nas que a zona de interior ten moito que dicir', salienta Pérez Losada.

Para avanzar neste eido, o curso contará coa participación dun amplo panel de historiadores e arqueólogos da Universidade de Vigo, de Santiago de Compostela, de Salamanca e das universidades lusas de Porto e Minho. Ademais das conferencias, o último día os asistentes realizarán unha visita a diversos castros do sur de Ourense e do norte de Portugal no que poderán escoitar in situ as explicacións que lles ofrecerán sobre estes vestixios expertos como Joao Fonte, Francisco Fariña e o profesor Antonio Rodríguez Colmenero.

Te puede interesar