Carlos López Montero: "Xa que cambiei de vida e me mudei a Xinzo, quero axudar no que sexa posible"

Carlos López Montero
photo_camera Carlos López Montero

Entrevista al número catro da candidatura do PSOE en Xinzo,Carlos López Montero

En cuestión de tres anos, a vida de Carlos López (Ourense, 1989) mudou por completo. Deixou o estrés de Madrid e apostou polo rural e polas raíces familiares. En Xinzo non só leva a cabo o seu proxecto vital ca súa parella, senon que agora da o paso para formar parte da vida política do concello. É o número catro da candidatura do PSOE, encabezada por Elvira Lama, actual alcaldesa.

Cando decidiu mudar de vida?

Despois do inicio da pandemia. Cando arrincou viviamos en Madrid, miña parella e eu, levabamos alí dende 2017. Nos primeiros meses tocounos quedar pechados no piso, que estaba ben, pero foi difícil, non nos daba nin o sol. Estabamos un pouco aborrecidos, no verán estivemos en Xinzo cinco semanas, e decidimos probar a experiencia.

Levaban tempo pensando nun cambio?

Si. Nós somos tradutores os dous, traballamos dende a casa, polo que non estamos atados a unha empresa e a un lugar. Aquí temos liberdade, podemos ter animais, un invernadoiro… 

Vivira algunha vez en Xinzo?

Non. De Ourense de feito marchei para estudar fóra a carreira e vivín sempre fóra, nunca traballara permanentemente aquí. A miña parella tampouco, é de Extremadura, pero dixo que si, que tamén lle apetecía probar.

Como foi o salto á política?

A nosa chegada coincidiu co mandato de Elvira (Lama), unha persoa que coñezo dende hai moito, e neste tempo, sempre que precisabamos algo, falabamos con ela. E ela é a principal razón que me levou a dar o paso, o levar aquí case tres anos, estar cómodos… xa que demos un xiro e vivimos aquí, pois quero tamén axudar no que se poida. As súas son políticas positivas, dunha persoa que coñece moi ben o concello.

O seu é un perfil distinto.

Si, teño experiencia vivindo fóra, unha perspectiva distinta de como se poderían facer cousas novas en Xinzo. 

Esperan bos resultados?

Ogallá. Eu creo que a xente valora e aprecia o traballo feito nun momento tan complicado como a pandemia, e ademais nun cuatripartito, que non é fácil. Queremos darlle continuidade ao seu traballo, hai moitos proxectos por diante e paga a pena confiar nesta lista.

De entrar na corporación, na semana seguinte de tomar posesión tócalle outra data importante: a súa voda.

Si, no caso de que entre, que ogallá, o venres seguinte caso. 

Son semanas intensas, entón.

Complicadas, si. Deberiamos estar adicando o tempo libre a voda, pero facemos o que podemos. Como eu estou inmerso na campaña practicamente non teño tempo, a verdade é que é a miña parella quen leva a maior carga, o que lle agradezo moito. Son semanas de moito traballo, é complicado, pero tamén bonito.

Te puede interesar