A LIMIA

A comisión de festas de Xinzo pide colaboración

O obxectivo é pechar os carteis dos grupos para os días 15 e 17 de xullo

A comisión organizadora das festas na honra de Santa Mariña de Xinzo quedou conformada, logo de convocar a Concellería de Cultura e Festas unha xuntanza na Casa da Cultura da vila co obxectivo de formar un grupo de traballo entre "todas as persoas que quixeran participar" na preparación do evento. As festas "grandes" da capital comarcal terán lugar os vindeiros días 15, 16, 17 e 18 de xullo e para entón, xa está prácticamente pechado o cartel de orquestras e agrupacións que poñerán " a nota musical" á festividade. 

Neste senso, e segundo avanzou o edil de Cultura e Festexos Luis Miguel Gil Penín, " a partir de mañá mércores comezaremos coa tarefa de recadación". Penín engadiu que "se esta é boa, poderemos completar o cartel do sábado e do domingo con máis actividades". Por este motivo, o responsable de Festexos do Concello de Xinzo solicita o apoio da veciñanza: "Cunha boa colaboración cidadá será posible facer unhas grandes festas", manifestou o concelleiro. 

Xa se coñecen algúns dos grupos que actuarán os días 16, 17 e 18 deste mes. A orquestra pontevedresa "Miramar" será unha das primeiras agrupacións que chegarán á vila limiá polas festas, xa que presentará a súa función o domingo 16 de xullo. 

O luns 17 de xullo, unha das formacións máis aclamadas pola mocidade, "El Combo Dominicano", exhibirá en Xinzo o seu "The Power Tour". Completarán o cartel do 17 de xullo outro coñecido conxunto, a orquestra ourensana "Nebraska". 

Para o martes 18 de xullo, o derradeiro día das festas, será a quenda para a orquestra "Saudade"de Pontevedra, acompañados do conxunto "Graffiti", procedentes de Portugal.

Te puede interesar