A Deputación cede ao GDR sete inmobles para o proxecto Aterra

La Lagoa de Antela.
photo_camera La Lagoa de Antela.
A cesión destas parcelas será para 25 anos

A Deputación de Ourense e o GDR Limia Arnoia veñen de asinar un convenio de colaboración entre ambas entidades polo que a institución provincial cede o uso de sete inmobles e parcelas rústicas que posúe na Finca da Antela.

O presidente provincial, Luis Menor, e o presidente do GDR Limia Arnoia, Gumersindo Lamas Alvar, foron os encargados de asinar o documento que contempla dita cesión de uso.

O pleno da institución provincial do pasado mes de xaneiro aprobara a cesión ao GDR Limia-Arnoia do uso de sete parcelas que a Deputación de Ourense posúe na Lagoa de Antela, cunha superficie de 49,4 hectáreas, para a execución do proxecto Aterra (Fondo de Terras), unha iniciativa pioneira para solucionar a demanda de terreos agrícolas na Limia e recuperar terras en desuso para dinamizar o territorio.

Tal e como quedara de manifesto de aquela e agora se reflicte no convenio asinado, a duración desta cesión será ata a finalización do proxecto e, en todo caso, aos 25 anos da formalización da aceptación da cesión de uso.

O GDR Limia Arnoia, no marco do deseño dunha estratexia de desenvolvemento local, está a analizar a situación actual do uso e xestión do territorio nas comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova.

Este traballo e a chegada de novos fondos do Programa Leader para o período 2023-2027, deben supoñer unha oportunidade para o aproveitamento dos recursos e a creación de emprego.

Te puede interesar