Os estudantes de agraria terán almacén en Xinzo

310122 Visita IES Cidade de Antioquía 2
photo_camera O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, visitou as obras xunto a representantes políticos locais.
Contará con 108 metros cadrados de espazo para maquinaria e apeiros

Os estudantes do Ciclo de Agraria do Instituto Cidade de Antioquía de Xinzo contarán nos vindeiros meses coa posibilidade de empregar un almacén de maquinaria agrícola que a Consellería de Cultura, mediante unha achega de 48.376,22 euros, ultima nestes días. O obxectivo é que este espazo, de 108 metros cadrados, poida empregarse como un lugar no que gardar apeiros de labranza, utensilios e maquinaria necesaria para impartir dita formación. 

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, visitou as obras este luns acompañado pola rexedora local, Elvira Lama, e por outros representantes políticos locais. 

O almacén situarase ao carón do polideportivo do centro e, ademáis, adaptarase para facilitar o enganche e desenganche dos diferentes apeiros -remolque, fresa, cultivador, entre outros-. 

Por outro lado, tamén se levou a cabo a pavimentación, a base dunha soleira de formigón, duns 5 metros fora do almacén para facilitar ditas manobras do tractor e conseguir un espazo facilmente saneable e cómodo para a retirada de barro e terra. “Con esta actuación -subliñou Gabriel Alén- atendemos unha demanda do equipo docente e responsables do ciclo no camiño da mellora permanente das instalacións dos centros educativos da provincia”. 

O delegado territorial lembrou na súa visita a Xinzo a importancia do sector primario nunha das comarcas agrícolas “máis importantes” de Galicia. Deste xeito, puxo en valor a implantación do Plan estratéxico do sector agrario da comarca, promovido pola Xunta, que pretende acadar “un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos” nesta bisbarra ourensá, e reducir os nutrientes.

Te puede interesar