OCIO

A Festa da Pataca encheu de xente Vilar de Barrio

OURENSE. 09.10.2016 VILAR DE BARRIO, FESTA DA PATACA. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Unha muller agarda que lle sirvan unha ración de patacas con polbo en VIlar de Barrio.

Entre as novidades deste ano houbo un certame de produtos tradicionais de outono

Vilar de Barrio celebrou onte a festa do tubérculo máis famoso da comarca da Limia. Xa o sábado deran comezo as celebracións nesta vila coa festa da cervexa alemana. Son xa 37 as edicións deste evento único, recuperado o pasado ano por un grupo de amigos pataqueiros do municipio. 


Nesta edición contouse con moitos máis medios materiais, produto de meses de traballo, para que a exaltación do produto agrícola por excelencia da Lagoa de Antela fose a mellor que se lembra. Como novidade, a nova asociación organizadora da festa –a Asociación Cultural Festa da Pataca da Limia–, implicou a participación dos máis pequechos a través de diversos xogos e concursos. 


O orzamento desta edición, lixeiramente superior ao do 2015, superou os 1.800 euros, grazas a unha subvención da Deputación de Ourense de 1.500 euros. 


Xa sobre as 12 do mediodía, momento de apertura da celebración, Vilar de Barrio parecía que recuperara parte da poboación que algún día tivo. Ás 13,00 horas, un xantar popular con tortilla, churrasco, ovos, empanada e viño, encheu os bandullos dos asistentes por só nove euros. 
Un total de cinco concursos amenizaron a tarde dominical. Entre eles, o de tortilla de pataca, o da pataca máis grande e o do tubérculo limián coa forma máis "rara". A estes tradicionais certames, engadiuse un sobre produtos tradicionais do outono e outro –dirixido aos nenos– de manualidades.


Completaron a xornada festiva unha mostra de artesanía e unha exposición con venda de produtos ecolóxicos. A música correu a cargo da banda de gaitas "A Peniza" de Vilar de Barrio, o grupo de "Os Jalos de Antioquía" e da charanga Támega.

Te puede interesar