A gandería intensiva da Limia enfronta a PP e BNG no Parlamento

Os nacionalistas alertaron das súas consecuencias "gravísimas", mentres que na Xunta aseguran que traballan nun modelo "sustentable"

Mediante unha interpelación ao conselleiro de Medio Rural, José González, o deputado nacionalista, Xosé Luis Rivas, reclamou “medidas urxentes” contra a “contaminación de terras e augas” existente na Comarca da Limia e pediu explicacións sobre o Plan estratéxico da Limia e o Plan de limpeza de canles. O deputado atribuiu á gandeiría intensiva porcina e avícola o “exceso de xurros”. Máis concretamente, fixo fincapé  no “pernicioso  modelo produtivo” baseado na gandaría intensiva, porcino e avícola, coa consecuente “perda de explotacións de vacún e ovino-caprino en extensivo, así como nas explotacións de dimensións elevadas cunha grande dependencia  de recursos externos para a alimentación animal.

Por outra banda, indicou os problemas sobre as terras e augas derivados dun modelo de explotación vinculado a “unha única cooperativa” e sobre todo da ameaza de declaración “de zona vulnerable” nas terras da Limia por contaminación de solos e augas o que  que provocará “unha imaxe moi negativa” dos produtos da zona. O deputado do BNG instou ao titular de Medio Rural a “rectificar” e mudar “o modelo lesivo” de sobreexplotación gandeira na comarca. 

José González defendeu que “a Xunta aposta pola xestión sustentable da actividade agrogandeira en toda Galicia e na Limia”. O titular de Medio Rural explicou que se Galicia non ten declaradas zonas vulnerables por contaminación por nitratos é debido a que previamente é necesaria a declaración de masas de auga afectadas, que no caso da Limia corresponde ao organismo de conca adscrito ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

Doutro lado, José González lembrou tamén a constitución da comisión interdepartamental conformada no pasado mes de xuño por representantes das administracións central e autonómica, co fin de buscar solucións que minimicen o impacto ambiental da actividade agrogandeira na comarca. Nesta liña, o conselleiro sinalou que se acadou un consenso sobre os cambios lexislativos necesarios e establecéronse medidas concretas. 

O conselleiro mencionou a potenciación da gandaría en extensivo a través do incremento da base territorial das explotacións por medio da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, os avances no Plan de pastos e un proxecto “moi serio” para a xestión conxunta dos xurros desta comarca e de Galicia en xeral presentado aos Fondos Next Generation.

Te puede interesar