Xinzo lembra a Carlos Casares na véspera do Día das Letras

16.06.16.XINZO DA LIMIA.PLAZA CARLOS CASARES.HOMENAXE.LETRAS GALEGAS.
photo_camera Luis González Tosar, durante su intervención. (MARCOS ATRIO)

O acto foi promovido pola Deputación e o Concello para resaltar a figura e o mundo creativo do escritor

O escritor limiao Carlos Casares foi obxecto onte dunha gran homenaxe en Xinzo de Limia, promovido polo Concello e pola Deputación na véspera do Día das letras. O acto, que se desenvolveu na Casa da Cultura, contou coa presencia do presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez; o presidente do PEN Club de Galicia, Luis González Tosar; o escritor Miguel Anxo Fernández; o presidente da Fundación "Carlos Casares", Javier Casares, e o fillo de Carlos  Casares, Hakam Casares.

A celebración, organizada baixo o lema "Carlos Casares e o seu mundo creativo", tivo como obxectivo resaltar a figura do intelectual limiao na semana en que se conmemoran as Letras Galegas, e "precisamente hoxe, na xornada previa ao día grande das nosas letras, queremos lembrar a Carlos Casares, esa poliédrica figura de tantas caras, todas elas positivas", afirmou Manuel Baltar. O presidente da Deputación suliñaba a alianza que mantén o organismo provincial coa Fundación Carlos  Casares, "porque todo o que fagamos por manter vivo o legado deste gran escritor é pouco e obrigado". Segundo Baltar, dos 57 artigos que ten o Estatuto de Autonomía para Galicia "o máis importante é o 5º, que di no seu parágrafo primeiro que a lingua propia de Galicia é o galego, o noso maior tesouro, que é grande porque figuras como Carlos Casares contribúen a elo".

O presidente do PEN Club de Galicia, Luis González Tosar, lembrou  a figura de Casares a través da imaxe a da poesía, destacando a súa achega á literatura galega e tamén a relación que mantivo con Eduardo Blanco Amor. Tosar, gran amigo de Casares, destacou as viaxes que fixeron xuntos, "viaxes nas que agora, sen Carlos, comprobo como se engrandece a súa figura, que é recoñecida en todo o mundo.

Pola súa banda, o escritor Miguel Anxo Fernández destacou a relación de Carlos Casares co cinema, afirmando que "así como no campo da literatura Casares foi o elo que engarzou a Xeración Nós coas novas xeracións de escritores, tamén foi o primeiro que trasladou ao xénero maior da novela o tema do cine". Salientou, así mesmo, que ata a chegada de Casares ao ámbito audiovisual "a literatura galega vivía de costas ao cine, que era tanto como dicir de costas á modernidade cultural".

No acto participaron tamén o concelleiro de Turismo de Xinzo, Carlos Gómez, Xosé Carrera, Elisa Brea, Edelmiro Martínez e o fillo de Carlos Casares, Hakam, quen dedicou as súas palabras ás lembranzas de Carlos Casares nos seus anos de neno viviendo nas terras do Limia e a influencia que Xinzo tivo na formación interlectual e cultural do seu pai.

O acto de onte forma parte das iniciativas que está a desenvolver o Concello de Xinzo para conseguir que se dedique o Día das Letras de 2017 a Carlos Casares, una decisión que,  segundo sinalaban onte fontes do mundo cultura galega, podería ser tomada a vindeira semana pola Real Academia Galega, nunha reunión que celebrará na Coruña.

Te puede interesar