Máis de catro millóns para a nova parcelaria de Rairiz e Vilar de Barrio

Reorganizáronse un total de 18.875 parcelas pertencentes a 1.071 propietarios en 2.129 predios.

Mediante a súa aprobación este xoves no Diario Oficial de Galicia,  o acordo de concentración parcelaria da zona de Guillamil-Sabariz, no concello ourensán de Rairiz de Veiga, e unha pequena parte do concello de Vilar de Barrio, que afecta, na súa totalidade, a unha superficie de 1.368 hectáreas, será pronto unha unha realidade. 

Tal e como informaron dende a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, este paso supón a determinación dos predios de reemprazo cos novos titulares, coa superficie resultante da reorganización e coa nova clasificación da terra. Así, reorganizáronse un total de 18.875 parcelas pertencentes a 1.071 propietarios en 2.129 predios.

Para completar este proceso cóntase cun orzamento total 4,5 millóns de euros.

Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e dentro do prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da recepción persoal ou publicación substitutiva.

CONSULTAS

Para consultar os trámites, a Xunta de Galicia dispón toda a información na súa páxina oficial e, neste senso, os planos do acordo tamén están accesibles en Internet, concretamente, na páxina web da Consellería do Medio Rural. 

Os recursos poderanse presentar no rexistro da Xefatura Territorial da Xunta de Galicia de Ourense.

Te puede interesar