En marcha a renovación das prazas de Rairiz de Veiga

210714 Rairiz Veiga2
photo_camera As prazas atópanse preto dos edificios e servizos máis importantes de Rairiz.
As obras incluirán pavimentación, beirarrúas e novas as infraestruturas de abastecemento

A actuación pola que se mellorarán as principais prazas do concello de Rairiz de Veiga, así como o seu entorno, acaba de comezar e terá un coste total de 70.000 euros -o Concello aportará o 30 por cento da cantidade global e a Consellería de Medioambiente o 70 por cento restante-. Esta actuación é froito dun convenio asinado o ano pasado entre a Consellería e o Concello no marco do Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta en 2010 para axudar ás entidades locais na execución de proxectos urbanísticos .

A importancia das prazas radica na súa ubicación, na contorna dalgúns dos edificios públicos máis relevantes como son a Casa do Concello, o centro de saúde, o centro de día, a gardería e o colexio. 

Os traballos consistirán en rexenerar e pavimentar estas zonas en función do estado actual que presentan, mellorar os acabados e renovar as infraestruturas de abastecemento coa instalación de novas tubaxes ou arquetas. 

Por outra banda, tamén se construirán beirarrúas para facilitar a tránsito dos peóns e o achegamento das infraestruturas urbanas aos veciños. Deste xeito crearanse espazos públicos que dean resposta ás súas necesidades actuais, e mellorarase tamén a zona de aparcamento, na que se renovará o pavimento. 

 O inicio destas obras foi abordado recentemente pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e pola alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade. Nunha reunión telemática, as dúas representantes municipais analizaron tamén a posibilidade de volver colaborar no futuro noutro proxecto urbanístico que pasaría por recuperar a praza da Igrexa.

Te puede interesar