Nenos de tres a cinco anos terán axuda para libros en Xinzo

O obxectivo do Goberno local é “que a costa de setembro sexa menos empinada para as familias de Xinzo de Limia” contando, ademáis, que se está a atravesar “unha época na que son moitos os veciños e veciñas que padecen as consecuencias da crise económica que trouxo consigo a pandemia”. 

Co inicio do curso académico 2021 / 2022 á volta da esquina, o Concello de Xinzo de Limia vén de anunciar que subvencionará os libros e material escolar do alumnado matriculado en centros docentes públicos  de Educación Infantil da vila, concretamente, aos cativos de entre tres e cinco anos. Cada estudante optará a un máximo de 75 euros para o vindeiro ano de axuda, tal e como se informou dende a Administración local a través dun bando emitido a toda a veciñanza esta semana. 

Ás mencionadas axudas poderán acollerse aquelas familias que non superen un determinado nivel de renda a final de ano e cumpran as restantes condicións que se determinarán na convocatoria específica. 

FACTURAS

O Concello de Xinzo de Limia informou, por outra banda, que, para solicitar a subvención será necesario aportar, xunto coa restante documentación que nas bases se indique, as facturas xustificativas da compra de libros e material escolar. As bases reguladoras e a convocatoria publicaranse no Boletín Oficial da Provincia e na Sede Electrónica do Concello nos vindeiros días.

O obxectivo do Goberno local é “que a costa de setembro sexa menos empinada para as familias de Xinzo de Limia” contando, ademáis, que se está a atravesar “unha época na que son moitos os veciños e veciñas que padecen as consecuencias da crise económica que trouxo consigo a pandemia”. 

O executivo local fará, unha vez máis, “unha aposta decidida” por axudar ás familias que máis o necesiten. Nesta liña, nos últimos meses anunciáronse varias convocatorias de axudas para autónomos e estase a traballar “día a día”, apuntan dende o Consistorio, para colaborar cos colectivos máis vulnerables.

Te puede interesar