Parada prepara hoxe a folla de ruta contra a planta asfáltica

arenera_parada-xinzo_result
photo_camera Aspecto que presenta na actualidade a planta asfáltica de Parada de Ribeira.

Os veciños, que non descartan manifestacións, consideran que o proxecto "traerá graves consecuencias"

Representantes da asociación veciñal Muíño da Lama, con sede na parroquia de Parada de Ribeira, reuniranse esta noite, a partir das 21,00 horas, no seu centro sociocultural co obxectivo de elaborara a folla de ruta para acadar a paralización do proxecto de construcción dunha planta asfáltica neste parroquia. A xunta de goberno do Concello de Xinzo deu luz verde o pasado 29 de maio, á posta en marcha da mencionada planta de producción de mestura bituminosa en quente, logo de emitir a Xunta os informes favorables para este fin e desestimando as alegacións  en contra presentadas pola agrupación veciñal e pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega). 

Os feitos remóntanse ao ano 2014, data na que se fixo público o proxecto. Neste tempo, os veciños de Parada presentaron argumentacións en contra da planta e mantiveron varias xuntanzas con membros da oposición e co grupo de goberno de Xinzo. A asociación veciñal acadou a paralización da obra argumentando que a actividade sería "molesta", "insalubre", "nociva" e "perigosa". Por outra banda, no informe tamén se sinalaba que a planta asfáltica non aparecía recollida nos usos permitidos do solo rústico de protección ordinaria. Entre outras alegacións, tamén se sinalaba que a escasa distancia existente entre a localización da planta e os núcleos de Parada de Ribeira, Gudes, Guntimil, Mosteiro, Damil, San Pedro de Laroá, Laroá, Ouvigo, Covelas e Vilar, e o dano ambiental e para a saúde desta decisión. 

A pesar de que, nun primeiro momento o Concello de Xinzo mostrouse en contra de apoiar o proxecto, os informes sectoriais favorables da Xunta obrigan á entidade local a conceder a licenza de obra xa que, tal e como sinalou o tenente de alcalde, Manuel Casas, "facer o contrario sería prevaricar". 

Representantes da asociación de Parada sinalan que "algunha solución ten que haber" e que "chegarán ata onde faga falta". Neste sentido e tal e como destacou o voceiro provisional, Víctor Rodríguez, "solicitaremos unha reunión con membros do grupo de goberno e non descartamos manifestacións". Hoxe adoptarase tamén a decisión de conformar, ou non, unha plataforma para loitar pola causa. 

Os voceiros dos grupos da oposición manifestaron o domingo o apoio aos veciños da parroquia, que sinalaron que esta decisión "traerá graves consecuencias". 

Te puede interesar