A Pista Sitibal de Xinzo xa está aberta á circulación

Travesía da Moreira
photo_camera A Travesía da Moreira, que estaba moi deteriorada, arranxouse provisionalmente.
A Moreira, que soportou o tránsito desviado, arranxouse provisionalmente

Despois de varios meses de obras e algunhas interrupcións polo covid-19, o tránsito de vehículos na renovada Pista Sitibal de Xinzo é xa unha realidade. Coas melloras acometidas na próxima pista Cepetal, os limiaos dispoñen de novos viais de 16 metros de ancho e dotados con beirarrúas e prazas de estacionamento. Tamén de servizos básicos de saneamento, abastecemento e alumeado. Do mesmo xeito, o Concello bacheou provisionalmente a Pista da Moreira, infraestrutura que tivo que soportar durante un longo periodo de tempo o tráfico desviado a causa das obras, feito que ocasionou certo malestar entre a veciñanza. 

A recepción da obra está pendente dos últimos detalles, como o soterramento dos cables de Fenosa e Telefónica, o arranxo de varios accesos a propiedades ou a instalación de nova sinalización. O concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, explicou que eses últimos detalles levaranse a cabo nos vindeiros días: “Queda pendente o soterramento do cableado de Fenosa e Telefónica. No primeiro caso xa se xestionou a actuación. Ademais, estase en contacto con varios propietarios para levar a cabo o arranxo dos accesos e tamén se prevé a instalación de nova sinalización horizontal”, explicou o edil.

Por último, o bacheo provisional da Moreira realizouse á espera da execución dun proxecto máis amplo de 350.000 euros que incluirá a mellora de varias vías. Trátase dun convenio entre a Deputación de Ourense, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Xinzo de Limia que se encontra na última fase de tramitación e que contempla a creación dun carril bici e unha senda peonil duns 700 metros.

Te puede interesar