COMERCIO TRADICIONAL

O PSOE de Rairiz propón crear un mercado artesanal en Congostro

Congostro1_result
photo_camera Praza de Congostro.

Os socialistas denuncian ademais que " a aldea de Congostro forma parte dun plan de valorización turística e patrimonial que está sen concluír por parte do goberno"

O Partido Socialista de Rairiz de Veiga ven de rexistrar unha moción, para ser debatida no vindeiro pleno, na que insta ao goberno local a poñer en marcha un mercado artesanal na aldea de Congostro. Un lugar situado, segundo o edil socialista Pablo Lorenzo, nun entorno "privilexiado" e que "chama a atención dos visitantes polo esmero que se puxo na súa recuperación e na posta en valor dos canastros do lugar". 

Por outra banda os socialistas denuncian ademais que " a aldea de Congostro forma parte dun plan de valorización turística e patrimonial que está sen concluír por parte do goberno". Nesta liña sinalan que os traballos iniciados co fin de acadar unha mellora estética do entorno "non foron aínda rematados" e, por outra banda, que "a redacción dun proxecto arqueolóxico encargado polo Concello, que incluíse un plan de actuación para a posta en valor da Vía Nova entre Congostro e A Saínza e que contou cun investimento de 12.000 euros, non se aproveitou".  

O PSOE de Rairiz propón que se destine unha partida orzamentaria para a "promoción e organización" dun mercado anual en Congostro que sirva para "dar a coñecer os produtos artesanais da zona".

Te puede interesar