O PSOE de Xinzo de Limia reclama mellorar o mosteiro de Trandeiras

O mosteiro de Trandeiras en Xinzo de Limia.
photo_camera O mosteiro de Trandeiras en Xinzo de Limia.
O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia presentou unha moción reclamando mellorar o mosteiro de Trandeiras

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia presentou unha moción para a sesión plenaria do vindeiro 19 de abril na que insta ao concello a solicitar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o inicio da segunda fase das obras no mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras. Os socialistas piden continuar co proxecto de actuacións de consolidación das infraestruturas hidráulicas.

Dende o grupo municipal socialista tamén piden que se elabore unha axenda de visitas e un horario de apertura, “a fin de que poida ser visitado e preservado de posibles actos vandálicos”.

Tralo fin da primeira fase de obras, o mosteiro de Trandeiras pode visitarse sen problemas de acceso ou perigo de derrube dalgunha das partes máis deterioradas. Esta primeira fase prevía un orzamento de 350.000 euros, que finalmente acabou en investimentos por valor de 715.000 euros, nunhas obras adxudicadas en 2022 e executadas en 2023.

Dende o PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia argumentan que “tódalas obras executadas, as redes de canalizacións de auga, as estancias e a historia do mosteiro ao longo dos séculos non debe quedar no esquecemento”.

Antonio Fernández Veiga, alcalde en funcións ata a semana que vén, cando regrese o rexedor Amador Díaz de Ecuador, explicou que “a intención deste grupo de goberno é que se hai que facer aportacións económicas para favorecer aos veciños da vila, estamos abertos a facer o que poidamos, para protexer o patrimonio histórico e cultural”. Con respecto á solicitude da elaboración dunha axenda de visitas, declarou que “estase estudando sobre o tema, é un servizo cultural, para establecer un horario de apertura e unhas pautas”.

Te puede interesar