A Río Miño, en Xinzo, solventa os cortes de luz

undefined
photo_camera Elvira Lama, Ramón Gómez e Rafa Penabad xunto a un dos técnicos.
Actuouse nun tramo de 60 metros para selar os pozos e evitar filtracións

Os veciños da rúa Río Miño, en Xinzo de Limia, non terán que padecer máis cortes de luz, polo menos, por mor das filtracións que se producían dende a rede de saneamento ás instalacións de Naturgy -orixe da interrupción do servizo-. Este feito provocou nos últimos meses un profundo malestar nesta zona da vila. 

O Concello, a través da empresa Viaqua, concesionaria do servizo no municipio, resolveu a situación empregando unha novidosa tecnoloxía para a reposición da tubaxe e por medio dun plan de acondicionamento no que se investiu unha partida total de 23.292 euros. Concretamente, os operarios actuaron nun tramo de rúa de 60 metros para impermeabilizar as conducións do saneamento sen a necesidade de realizar sucos ou causar maiores molestias á veciñanza. 

O concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez Salgado, asegurou que “a rede era moi antiga e producíanse filtracións, de modo que se procedeu con esta tecnoloxía ao selado dos pozos de rexistro e da tubaxe de saneamento”. 

O Concello de Xinzo, tamén da man de Viaqua e Naturgy, traballou do mesmo xeito nos últimos meses para solucionar os problemas existentes na rede de saneamento do entorno das vivendas da rúa Ladeira e a zona do Polígono que, a comezos de febreiro, rexistrou numerosos cortes de luz nun corto período de tempo. 

Tamén a principios de ano, técnicos de Viaqua acometeron, cun camión especial, unha limpeza do colector da rúa Río Miño para revisar os tramos máis críticos nos que se rexistraban os escapes na rede de saneamento. Incluso levouse a cabo unha exhaustiva inspección cunha cámara para localizar onde xurdían os problemas.

Te puede interesar