AGRICULTURA

Sandiás acollerá unha nova charla sobre a couza da pataca

2op9870_result
photo_camera Imaxe da última reunión que se celebrou en Sandiás para tratar sobre a pataca

Trátase da segunda vez que o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, convoca unha reunión para abordar esta problemática

O concello de Sandiás ven de publicar un bando informativo no que anuncia unha reunión para vindeiro mércores, 8 de marzo, co obxectivo de abordar os avances que se están levando a cabo por parte da Consellería de Medio Rural, para o control e a erradicación da praga da polilla guatemalteca que afecta á pataca en 31 concellos do norte de Galicia. A cita será ás 19.30 horas na Casa da Cultura da localidade. 

Trátase da segunda vez que o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, convoca unha reunión para abordar esta problemática. Segundo as últimas actualizacións publicadas pola Xunta, as plantacións de pataca da comarca da Limia permanecen libres da presenza deste insecto, pero o rexidor "quere atender" ás "inquedanzas" que poidan ter os produtores e almacenistas da comarca da Limia sobre a posibilidade de que este insecto chegue a afectar a zona nun futuro. 

Nesta ocasión está previsto que participe un técnico da consellería de Medio Rural para informar aos profesionais do sector. Segundo sinala Traveso, "é unha reunión aberta a todos o que queiran participar". Nesta liña o rexidor enviará un comunicado aos alcaldes da comarca para que participen na xuntanza.

A pasada semana técnicos da consellería de Medio Rural e membros da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia celebraron unha asemblea informativa no Concello de Xinzo á que asistiron varios alcaldes da comarca, productores e almacenistas. Esta xuntanza formou parte dunha campaña informativa que se está levando a cabo pola Consellería de Medio Rural co obxectivo de concienciar aos productores sobre as medidas de control da praga. 

Te puede interesar