Sandiás recupera polo Nadal o “cantar de reis”

foto 1. portada
photo_camera O rexedor de Sandiás, Felipe Traveso, co cartel da programación de eventos.
O rexedor, Felipe Traveso, presentou a programación para estas datas

O Concello de Sandiás celebrará o seu Nadal cunha programación conformada por preto dunha decena de actividades, algunha cun carácter moi tradicional como o cantar de reis. Tratábase dunha iniciativa que consistía en que mozos e mozas dos pobos percorrían as casas dos pobos cantando cancións populares e, a cambio, percibían un aguinaldo. Nesta actividade colaborará, de xeito especial, o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso. 

Dende o Concello farán chegar a todos os veciños un calendario para 2022 protagonizado polo santuario de San Bieito -o obxectivo é promocionar o patrimonio histórico e cultural do municipio- e o libro “Sandiás, a Lagoa de Antela e Nós”. 

Ademais da decoración de Nadal xa instalada en Sandiás, o espíritu das festas chegará a todos os rincóns do concello e, do mesmo xeito, anímase aos veciños a que contribúan ao embelecemento do municipio decorando os xardíns, balcóns e fiestras. 

Os máis cativos serán os grandes protagonistas destas datas. Periodicamente e de xeito telemático a través da páxina de Facebook do Concello, os máis cativos poderán disfrutar de fermosos contos de Nadal coa súa familia dende a casa. Do mesmo xeito, os Reis Magos regresarán a Sandiás para achegar os regalos aos nenos e nenas aos seus domicilios, así como moitas sorpresas. 

O Nadal en Sandiás tamén terá un compoñente solidario mediante a tradicional campaña de recollida de alimentos en colaboración coas parroquias de Sandiás, Couso e Piñeira de Arcos e tamén conmemorativo por mor da celebración do acto de peche do quinto centenario da construcción da Igrexa de Santo Estevo.

Te puede interesar