Serafín González: "O que estamos facendo é bo para os medio, pero tamén para os limiaos"

undefined
photo_camera Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. (Miguel Ángel)
A Sección Antela da Sociedade Galega de Historia Natural, entidade fundada o 7 de xuño de 1977, acaba de recibir o Premio Pedra Alta que outorga anualmente o Museo da Limia de Vilar de Santos, polo seu inestimable traballo a prol da recuperación da biodiversidade na Limia e de promoción e difusión do valor ambiental da comarca. A Sección Antela fundouse no 2011 e, dende entón, recuperou varios humidais da extinta Lagoa de Antela demostrando que, ademais, foi posible compatibilizar dita recuperación coa explotación e beneficio dos gandeiros da contorna. Gran exemplo disto foi o caso da Veiga de Gomareite, na que se restauraron 20 hectáreas de zona húmida; ou o Humidal Antonio Villarino, habitado hoxe por 10 especies distintas -30 no caso de Gomareite-. A sección está aberta a recibir voluntarios e, para poder sumarse ao seu proxecto, tan só é preciso contactar co enderezo electrónico [email protected].

Que significa para a Sección Antela recibir este distintivo?

Xunto con poder ter recuperado estes humidais na Limia, é unha grande satisfacción este recoñecemento do Museo da Limia e da comarca limiá. O que estamos facendo é bo para o medioambiente, pero tamén bo para a sociedade e para os limiaos. 

En que están traballando agora?

Agora mesmo estamos traballando nunha antiga areeira, que está abandonada. Atópase entre Vilar de Santos e Sandiás. Tamén temos pedida a participación nun proxecto “Life” para poder seguir intervindo na Veiga de Gomareite, ampliar e rematar os traballos alí. 

Moitos destes traballos saen adiante grazas á colaboración desinteresada dos socios, podería facerse moito máis con máis axuda das administracións públicas?

Pois si, botamos en falta máis implicación das administracións. A decisión de crear a Sección Antela no 2011 foi dar un paso á fronte neste senso. Logo de publicar o libro “A memoria asolagada”, en 1997, tiñan pasado 14 anos e, dende as administracións públicas, non se facía nada. Por iso decidimos facelo nós. Camiñamos pouco a pouco: “Un grao non fai graneiro, pero axuda ao compañeiro”. É un traballo enorme, feito con moi poucos medios, pero con resultados marabillosos. 

É importante que os veciños saiban o que se perdeu e o que se pode recuperar?

Si, e tamén o que se pode facer sen perxudicar a ninguén, ao contrario, a nosa colaboración con Samuel Formoso -gandeiro que colaborou na recuperación da Veiga de Gomareite e que emprega a zona como espazo de gandeiría en extensivo- é unha simbiose perfecta: É boa para o medioambiente, para a auga, para o gando de Samuel, para fixar poboación no rural… Xuntos somos máis fortes e así podemos acadar máis metas. 

Que plans teñen a corto prazo?

Temos máis actuacións previstas nos 84 predios do Bantegal. Temos máis ideas para as veigas de Rairiz, Vilaseca e Vilar de Santos. Para nós o modelo a seguir é a colaboración entre a Sección Antela e Samuel. Pódese realizar en máis lugares. 

Divulgar o voso proxecto entre os máis cativos é tamén importante. 

Si, levamos feito moito nese senso. O conto de A historia de Antela contada por unha cegoña e A memoria asolagada presentaronse en Xinzo, realizáronse charlas divulgativas nos distintos colexios e institutos.

Te puede interesar