Trasmiras mellorará o seu saneamento e abastecemento

241121 Visita a Trasmiras 1
photo_camera Emilio Pazos Ojea recibiu no salón de plenos a Gabriel Alén este mércores.

As actuacións céntranse no bombeo de auga potable e na depuradora para Vilar de Lebres 

Os veciños de Trasmiras percibirán melloras no servizo de saneamento, abastecemento e depuración de augas grazas a varias actuacións que se están a desenvolver dende o propio Concello en colaboración coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e Augas de Galicia. 

Concretamente, e segundo explicaron dende a Delegación Territorial da Xunta en Ourense, a actuación está consistindo, dunha banda, na mellora do sistema de bombeo e, pola outra, no acondicionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais para o núcleo de Vilar de Lebres. 

Para ambas intervencións Augas de Galicia fixo unha achega de 72.000 euros, destinándose específicamente 39.847 euros para a mellora do bombeo de auga e os outros 31.842 euros para a depuradora do núcleo de Vilar de Lebres.

Precisamente, este mesmo mércores, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, achegouse ata este concello pertencente á comarca da Limia para visitar as obras da man do seu rexedor, Emilio Pazos. As actuacións avanzan a bo ritmo. 

ENCONTRO INSTITUCIONAL

No encontro de traballo, que tamén se celebrou na Casa Consistorial de Trasmiras, ambos representantes institucionais analizaron as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica en materia de grandes proxectos e necesidades. 

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense apuntou na súa visita que, do mesmo xeito que Trasmiras, na provincia de Ourense 67 concellos percibiron 95 axudas destinadas a mellorar estes servizos -saneamento, abastecemento e depuración- de competencia municipal, das que 46 están destinadas a optimizar o funcionamento do abastecemento municipal e 49 á modernización, eficiencia e eficacia no saneamento e depuración.

En datos xerais, o Goberno galego, a través de Augas de Galicia, destinará en dúas quendas preto de nove millóns de euros para apoiar 217 actuacións en 152 municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes e garantir, deste xeito, o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.

Te puede interesar