ECONOMÍA

Vilar de Barrio xestiona este ano 989.000 euros

Plano Vilar de Barrio_result
photo_camera Un momento da sesión plenaria celebrada no concello de Vilar de Barrio.

A corporación aprobou o presuposto, no que case que a mitade destínase a gastos de persoal

Vilar de Barrio celebrou onte un pleno ordinario no que se abordaron un total de 14 puntos, algúns deles de especial relevancia como foron a aprobación dos orzamentos para o presente exercicio 2017 e a liquidación do correspondente a 2016. 

O plenario deu luz verde a un orzamento de 989.365,58 euros para xestionar o Concello. A proposta foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno e o rexeitamento por parte dos dous edís do Partido Socialista, o concelleiro do Bloque Nacionalista Galego e a representante do grupo mixto. O voceiro nacionalista, Samuel Formoso, sinalou a súa desconformidade co documento económico "ao non contemplar ningunha partida específica que teña como obxectivo fixar poboación no rural". Neste sentido, e coincidindo co seu compañeiro de corporación, a voceira socialista Soraya Briz dixo que "os orzamentos sempre son os mesmos e que non se escoitan outras propostas".

Dentro do presuposto, o capítulo adicado a gastos de persoal ascende a 465.055,33 euros e o vencellado aos gastos correntes en bens e servizos a 404.450,25 euros. 

Na sesión tamén se aprobou a liquidación do orzamento correspondente ao pasado exercicio 2016.Neste punto, o remanente de tesourería total nas arcas municipais ascende a 223.132,58 euros e o orzamento axustado tivo un resultado negativo de -12.999,28 euros.

Outros dos puntos que se abordaron no ordinario de onte foron a aprobación do convenio de colaboración para a xestión compartida do obradoiro "A lagoa" e o rexeitamento do grupo de goberno á proposta da edil do grupo mixto para a modificación da xornada laboral partida dos traballadores municipais, a prol de facilitar a conciliación da súa vida familiar e laboral. A corporación non acadou un acordo con respecto aos posibles horarios. No apartado de rogos e preguntas a voceira socialista denunciou "o mal estado en xeral das cunetas e das estradas do Concello". O voceiro nacionalista, solicitou a limpeza das zonas de concentración parcelaria.

Te puede interesar