INFRAESTRUCTURAS

Vilar de Santos puxo en marcha un punto limpo

img-20170207-wa0001_result
photo_camera Instalacións do novo punto limpo de Vilar de Santos, localizado no parque empresarial.

Situado no parque empresarial, comparten a xestión Concello e Deputación

O Concello de Vilar de Santos puxo en funcionamento a semana pasada o seu punto limpo. Este proxecto é consecuencia dun convenio de xestión compartida entre o propio Concello e a Deputación de Ourense, aprobado polos dous entes a finais do mes de xaneiro. Neste acordo, o Consistorio cedeu unha parcela de 1.700 metros cadrados onde se ubica a nova infraestrutura, no parque empresarial, para ser atendida por persoal especializado da Deputación de Ourense. "Para nos tratábase dunha xestión complexa", explica Xan Xardón, alcalde de Vilar de Santos. "Somos un concello pequeno, por iso pensamos que o máis adecuado era que a Deputación se encargase da xestión do punto limpo". A vixencia do convenio de cooperación estenderase ata o 31 de decembro de 2018.

O proxecto contou cun investimento inicial de 350.000 euros por parte da Consellería de Medio Ambiente. A obra rematou a finais do ano pasado e, despois de levar a cabo os trámites necesarios, comezou o funcionamento do novo centro. "Para nos é un servizo importante, estamos moi contentos", sinala Xardón. "É importante que participemos e que nos desfagamos dos residuos polos cauces axeitados", engade o rexidor local. 

O novo punto limpo estará aberto os mércores, en horario de 10.00 horas a 14.00 horas, e nel poderanse depositar toda clase de desfeitos: dende aceites, ata restos de podas ou roupa. Esta obra forma parte dunha serie de actuacións levadas a cabo polo Concello de Vilar de Santos en materia de control de residuos. O pasado ano pecháronse na localidade dous vertedoiros incontrolados. 

Te puede interesar