Xinzo completa a financiación para o paso a LED

undefined
photo_camera Unha das luminarias emprazadas no entorno do Toural, en Xinzo.
O Goberno central vén de aprobar os sete proxectos presentados polo ente local

O Concello de Xinzo informou este martes de que o paso á tecnoloxía LED do municipio será unha realidade grazas a un investimento total de 1,8 millóns de euros. O Goberno central aprobou as correspondentes subvencións para os sete proxectos presentados pola administración local nos últimos meses. Neste senso, substituiranse un total de 4.610 puntos de luz en favor da nova tecnoloxía e conseguirase un aforro do 70 por cento na factura anual da luz -258.500 euros para outras inversións-, ao tempo que se reducirán as emisións de CO2. 

Segundo explicaron dende o Concello de Xinzo, a comunicación do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía “supón a confirmación definitiva a una actuación que se desenvolverá ao longo de dous anos e que suporá o cambio das lámpadas de todo o alumeado público do termo municipal, tanto da vila como dos 32 núcleos de poboación”. Actualmente, as luminarias son de 100 vatios e apenas iluminan, o que “é motivo frecuente de queixas” entre a veciñanza, aseguraron dende o ente local. Os traballos comezarán pola substitución de 615 puntos do casco urbano por tecnoloxía de tipo LED. 

Para a substitución de 4.610 vellas luminarias deste proxecto, o ente público nacional aportará o 80 por cento -1.495.000 euros-, mentres que  o 20 por cento restante, que supón unha cifra de 375.000 euros, correrá a cargo das arcas municipais.

O executivo local celebrou a concesión total desta subvención, non só pola redución da factura, senón pola menor contaminación ambiental que ofrece a tecnoloxía LED. 

O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) ten entre as súas funcións a financiación de proxectos e o desenvolvemento e xestión de programas de axudas públicas que afectan aos principais sectores consumidores de enerxía.

Te puede interesar