Xinzo desbrozará a man 32 núcleos de poboación

259b5947-1369-41b3-85c6-75d77b2efa14
photo_camera Entorno do pobo de Fiestras, en Xinzo, despois da acción de desbroce.
Xa se levaron a cabo en Seoane, Fiestras, Laroá, Soutelo e Cima de Ribeira e Gorgoloza

Xinzo vai cumprindo, pouco a pouco, cos criterios de limpeza e adecuación dos entornos rurais, especialmente, coa chegada do periodo estival. Neste senso, o edil de Medio Rural e tenente de alcalde, Amador Díaz Penín, explicou onte luns que, durante a pasada semana, unha empresa privada iniciou a tarefa de desbrozar, manualmente, 32 núcleos de poboación. Concretamente, os primeiros traballos afectaron a Seoane, Fiestras, Laroá, Soutelo de Ribeira, Cima de Ribeira, e Gorgoloza. "Hoxe -por onte- aínda que sexa un día festivo e ao tratarse dunha empresa privada, os técnicos responsables están realizando novas actuacións no termo local de San Pedro", explicou Díaz Penín. 

A intención do Goberno local de Xinzo é que os traballos se atopen finalizados ao 100 por 100 nun periodo máximo de 15 días. "É unha tarefa que se está acometendo todos os anos e, realmente, é algo espectacular o que fan", asegurou Amador Díaz, quen adiantou que, de cara ao vindeiro ano, estase estudando a posibilidade de incluir no contrato un mantemento exhaustivo dalgunhas zonas con importante movemento nos núcleos rurais como poden ser lugares comúns, colexios, ou centros sociais. "Hai maquinarias e tractores de grandes dimensións que non poden acceder por rúas estreitas e, por este mesmo motivo, contrataronse os desbroces manuais para o interior dos pobos", precisou o concelleiro limiao. "Había moitos lugares que levaban anos sen limparse", apuntou Díaz Penín, quen subliñou que era necesario actuar con rapidez neste senso e a brigada municipal -que si se encarga de Xinzo- non contaría agora mesmo con persoal suficiente para abordar dita tarefa.

Te puede interesar